Cara e cruz para o Tenis de Mesa Monte Porreiro no seu dobre enfrontamento ante o CAI Santiago
Por Redacción
Cara e cruz para os equipos feminino e masculino do Club de Tenis de Mesa Monte Porreiro nos seus duelos da fin de semana contra o CAI Santiago de Zaragoza. O pavillón de Príncipe Felipe acolleu este dobre enfrontamento entre galegos e aragoneses que se saldou cunha vitoria pontevedresa, por parte da escuadra feminina, e dunha derrota do conxunto masculino local, incapaz de frear un dos mellores equipos da categoría.
O Setga Monte Porreiro derrotou por un contundente 5-1 ás zaragozanas. Fíxoo grazas aos dous puntos logrados por Ana Pérez, que derrotou por senllos 3 sets a 0 a Yara Grimal e Sara Escota; e aos outros dous que conseguiu Elísabet Cadilla, que venceu por senllos parciais de 3-2 ás xogadoras do CAI Santiago, Alexandra Gimeno e Yara Grimal. O quinto punto pontevedrés anotouno, xa co partido gañado, Victoria Cadilla, que dobregou por 3-2 a Alexandra Gimeno.
O único punto das visitantes sumouno Sara Escota, quen grazas á súa dereita ofensiva logrou conseguir o partido por 3-2 ante Victoria Cadilla.
Pola súa banda, os rapaces do Monte Porreiro cederon por 2-4 ante os seus rivais. Os dous puntos pontevedreses logrounos Daniel Conic, que derrotou por 3-1 e 3-2 a Jorge Cardona e Alberto Luño respectivamente. Pola súa banda, Santi Prieto non tivo o seu mellor día e perdeu por 1-3 e 0-3 ante Jorge Gambra e Jorge Cardona; mentres que Nacho Fernández tampouco puido gañar o único partido que xogou, o que o enfrontaba a Alberto Luño, ante quen perdeu por 0-3.
Con estes resultados, os dous equipos do Monte Porreiro mantéñense na zona tranquila da clasificación da División de Honra. En categoría masculina, o equipo é sétimo con catro vitorias e catro derrotas; e na feminina, ocupa a cuarta posición con tres triunfos e dúas derrotas. Neste último caso, ten ata dous partidos menos que algúns dos seus rivais.