Un Cisne sólido esmaga (33-23) o OAR Coruña
Por Ramiro Espiño
Segue con paso firme a súa andaina ligueira o Cisne. Tras a derrota pola mínima da pasada xornada na complicada pista do Chapela, os de Edín Covelo deron de novo boa mostra do seu excelente momento de xogo derrotando un OAR Coruña que puido encaixar un severo correctivo de non ter baixado os pontevedreses a súa intensidade defensiva na segunda parte.
Pese á baixa por lesión dun dos seus homes claves, como Rafa Dasilva, o partido quedou practicamente resolto no primeiro tempo. Tras uns minutos iniciais de relativa igualdade, propiciada polo feito de que os locais se entregaron a un xogo rápido, pouco elaborado e propicio a cometer erros, tan pronto fixaron a defensa convertéronse nun muro infranqueable para o conxunto coruñés.
Mediado o primeiro tempo o Cisne deu o primeiro estirón, logrando unha vantaxe de cinco goles, pero especialmente deixando clara a súa superioridade sobre un contrario incapaz de frear o xogo dos locais.
As precipitacións nos lanzamentos, especialmente nos últimos cinco minutos, impediron unha maior vantaxe, pero os primeiros minutos do segundo tempo remataron coas esperanzas herculinas.
Aínda que a facilidade para anotar levou ao Cisne a relaxar a tensión defensiva, as diferenzas fóronse ata os 12 goles, convertendo os últimos quince minutos nun cómodo paseo para os pontevedreses, permitindo un intercambio de goles final que serviu aos visitantes para evitar unha goleada maior.
BM CISNE (33): Toño Lafuente, Pablo Galán, Santiago Cuenca; Iván Abilleira (3), Edu Covelo (3), Álex Chan (6), Pablo Picallo (3), Andrés Sánchez (1), Miguel Simón, Javi Vázquez (4), Carlos Rodríguez (1), Pablo Vidal (3), Pablo Rey (5), José Javier Hermida (1) e Pepe Camiña (3).
OAR CORUÿA (23): Ignacio Santos, Roberto Casero, Cristian Vigo; De Melo (1), Lozano (2), Couceiro (6), Angeriz (3), Canosa (3), Sarasola, Ignacio Suárez (1), Diego Martínez, Picado, López, Yoel e Mariño (7).
Árbitros: Fernando López Fernández e David Aja García (Cantabria). Excluíron por dous minutos a Edu Covelo, Álex Chan, Andrés Sánchez e Carlos Rodríguez (2) polo Cisne, e a De Melo, Sarasola (2), Picado e López, polos visitantes.
Marcador (cada cinco minutos): 2-0, 4-3, 7-5, 11-6, 13-8, 16-9 (descanso), 19-12, 21-13, 25-15, 28-17, 31-20 e 33-23 (final).
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Uns 70 espectadores. Os xogadores do Cisne saíron á pista con camisetas de apoio ao seu compañeiro Dani Puente, lesionado de gravidade.