O Pontevedra de Luisito bota o peche á súa portaría
Por Diego Espiño
O Pontevedra estase a acostumar a deixar a súa portaría a cero. Xa o fixo a pasada tempada, cando foi, xunto ao Cerceda, o equipo menos goleado do Grupo I de Terceira División con 27 tantos.
Esa campaña os granates remataron 22 partidos da liga regular sen encaixar un só tanto, algo que se empeza a repetir con asiduidade na presente tempada, especialmente dende a chegada de Luisito.
Con Manu Fernández á fronte o equipo lerezano finalizou catro encontros a cero nas primeiras nove xornadas. O seu problema non se encontraba en defensa, salvo a primeira media hora en Ribadeo na que encaixou tres goles, senón na efectividade de cara á porta contraria.
Agora o seu substituto no banco de Pasarón continúa coa tendencia de solidez defensiva. Con Luisito o Pontevedra encadea tres triunfos (Boiro, Bertamiráns e Barbadás) e un empate (Laracha) sen que Edu Sousa tivese que recoller un balón do fondo das mallas.
O arqueiro, que recuperou a titularidade co cambio de adestrador, suma 360 minutos imbatido, mentres que a cifra de todo o equipo ascende ata os 400 minutos, dende o gol que encaixou en Ponteareas no minuto 50 de partido con Milo Abelleira de técnico provisional. O ano pasado Sousa chegou a estar máis de seis partidos, 586 minutos, sen recibir gol.
En total, nas 13 xornadas de liga disputadas ata o momento, os granates encaixaron 8 tantos, sendo o equipo menos goleado do Grupo I.
Esta circunstancia axudou á remontada na táboa do Pontevedra, pero a proba de lume chegará no tramo final da primeira volta que se inicia coa visita o próximo domingo do Arosa, cuarto clasificado, a Pasarón.
Tras ese encontro os granates viaxarán a Redondela para enfrontarse ao Choco (segundo na táboa), recibirán ao Rápido de Bouzas (oitavo clasificado), desprazaranse ás Pontes (décimo cuarto) para pechar o ano na casa ante o Alondras (sétimo). Xaneiro arrancará ademais co último partido da primeira volta, a domicilio ante o actual líder, o Cerceda.