Un Pontevedra sobrio imponse con autoridade (0-1) ao Barbadás
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Neta superioridade do Pontevedra sobre un Barbadás que acusou tanto o mal momento deportivo que atravesa, como as baixas de catro homes, Rafita, Moisés Pereiro, Karim e Oli. Os granates dominaron o partido ao seu antoxo e únicamente os seus problemas para concretar as claras ocasións creadas impediron que o partido estivese resolto xa na primeira parte.
Concientes os de Luisito que o conxunto ourensano intentaría poñer intensidade nos minutos iniciais, saíron con ambición. Lonxe de encerrarse e deixar pasar os minutos á espera de que esa intensidade diminuíse, foron eles os que se fixeron co control do partido, anticipándose a cada balón dividido e xogando case en exclusiva en terreo contrario.
Os froitos non se fixeron esperar. Ían só 4 minutos cando Jacobo inauguraba o marcador, ao aproveitar, desmarcado, un rexeite defensivo a disparo de Mouriño.
O gol deu tranquilidade, pero tamén un lixeiro baixón nesa presión inicial sobre o rival. Aínda así o Barbadás non inquietaba e custáballe atravesar a liña central con opcións. E o Pontevedra comezou a acumular ocasións erradas. A primeira foi para Jorge, a segunda para Pedro García. En ambos casos Berto salvou co pé o que se cantaba como gol nas bancadas, cando aínda non se cumprira a media hora de xogo.
Marcaría Pablo Carnero (minuto 38), que foi o azoute da defensa local, pero o colegiado anularía o gol a instancias do seu asistente, estimando falta do dianteiro granate sobre Vieytes.
Os visitantes non pechaban o partido, e ese era o seu principal e case único pecado. O outro era conceder ao Barbadás demasiadas faltas laterais e corners, a súa principal e case única arma, aínda que todas elas ben resoltas pola zaga.
Precisamente dunha desas accións chegaba o único remate peligrososo dos de Jorge Regal. Fíxoo Jaime (minuto 40). Edu saca unha excelente man mandando o balón á esquina.
Antes do descanso aínda tería unha máis o Pontevedra para facer o segundo. Foi nun lanzamento afastado, pero potente e colocado, de Mouriño, que obriga a Berto a lucirse para desvialo.
O Pontevedra fora moi superior, pero o partido seguía aberto. Jacobo tivo nas súas botas o segundo nada máis reanudarse o xogo. De novo apareceu Berto para despexar. E Jaime replicou, como non, nunha nova falta lateral que tropezou coa mesma resposta que a anterior por parte de Edu.
Despois a nada máis absoluta. Nin xogo nin ocasións nunha segunda parte para esquecer na que houbo loita, entrega, pero apenas calidade e menos oportunidades. E claro, nese escenario, o equipo que se supón inferior ten máis opcións, aínda que sexa con algo tan rudimentario como irse arriba a base de empuxe. Forzando corners, metendo ao Pontevedra atrás a pelotazos (para evitar problemas Luisito meteu a Pablo, terminando con tres centrais). Os granates aguantaron pero case sen capacidade para aproveitar os espazos que agora si existían para montar algunha contra e as poucas que chegaron terminaron sen remate.
O Pontevedra foi xusto vencedor, pero debe aprender a pechar os partidos para non pasar apuros innecesarios, aínda que como nesta ocasión sexan máis aparentes que reais.
UDC BARBADÁS (0): Berto (3); Jorge (1), Quintairos (1), Vieytes (1), Alfredo (1); Nacho Currás (1), Luís González (2); Cristian (2), Martín (1), Jaime (1); e Hugo (1).
Sustituciones: Senén (2) por Nacho Currás, minuto 52. Arce (1) por Cristian, minuto 60. De Dios (1) por Vieytes, minuto 68.
PONTEVEDRA CF (1): Edu (1); Adrián (1), Campillo (2), Capi (1), David Feito (2); Mouriño (3), Kevin Presa (2), Pedro García (1), Jacobo (2); Pablo Carnero (3) e Jorge (1).
Sustituciones: Tubo (1) por Jacobo, minuto 68. Centrón (1) por Jorge, minuto 75. Pablo (s.c.) por Mouriño, minuto 86.
Árbitro: Alexandre López Vila (A Coruña), auxiliado nas bandas por Juan Orozco Corredoira e María Eugenia Gil Soriano. Amoestou a Senén, polo cadro local, e a Pedro García, Pablo e Tubo, polo Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 4: Jacobo.
Incidencias: Campo de Os Carrís (A Valenzá-Ourense). Uns 400 espectadores.