Triunfo na estrea ligueira do Mareantes nunha xornada marcada polo debut do seu equipo feminino
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O resultado era o de menos. Foi un avultado 0-151 ante as subcampionas de División de Honra e campioas de Liga e Copa Galega, o CRAT Coruña, pero o importante era o seu debut en competición oficial.
O equipo feminino do Mareantes arrancou a súa andaina con ilusión, pero á inferioridade esperada uniuse a desafortunada lesión de Aroa que as fixo xogar con 14 xogadoras boa parte do choque.
Moi diferente foi o partido dos rapaces, que iniciaron o seu camiño na Primeira División Galega con apurado e sufrido triunfo ante o Universidade de Vigo B.
Os pontevedreses impuxéronse por un mínimo tenteo de 5 a 0 no partido disputado no campo de Monte Porreiro.
As defensas mandaron nun choque que se decidiu por un ensaio transformado por Morty aos 20 minutos de xogo despois dunha acción da dianteira con máis de catro fases de xogo.
MAREANTES RCP (5): Quebra, Tomás, Brenno, Timón, Lanchas, Irago, Paddy, Morty, Punti, Guillermo, Iago, Quique, Driss, Wimil, Jaime. Tamén xogaron: Maravillas, Sancho, Cris, Nathan e Katiuskas.
UNIVERSIDADE DE VIGO B (0): Luis Lago, Victor Salgado, Juan M. Rodríguez, Santiago Lemos, Fernando Filgueiras, Pedro González, Javier Comeselle, Agustín Bargiela, Diego Dolan, Manuel Lago, Keven Da Silva, Jesús Tejelo, Brais Sánchez, Mario González e Jacobo González.