O Bembrive vigués, dura estrea para o Leis en Segunda B
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Complicado debut para o Leis Pontevedra na súa estrea en Segunda División B tras o seu recente ascenso de categoría.
Os de Manu Cossío, tras unha pretempada con altibaixos pero que deixou boas sensacións no club lerezano, inician este sábado a liga ante o actual subcampión, o Bembrive (sábado 17:00 horas no Pavillón Municipal dos Deportes).
Os de Manu Cossío xa se enfrontaron ao conxunto vigués en Copa Xunta, con resultado de derrota por 2-4, pero ese partido marca o camiño para o Leis.
Naquel encontro os pontevedreses aguantaron o ritmo do Bembrive nun choque moi igualado que se acabou decidindo por detalles.
Eses detalles son os que quere corrixir o técnico para iniciar a competición con bo pé nun ano no que esperan protagonizar un bo papel, aínda que o obxectivo principal, segundo aseguran dende o club, será o da permanencia.
Pola súa banda o equipo feminino de Segunda División afronta esta fin de semana a súa segunda xornada de liga, primeira a domicilio, visitando o Valdetires Ferrol.