Cara e cruz para o xuvenil e o filial do Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Excelente resultado o conseguido polo Pontevedra xuvenil sobre o Pabellón de Ourense na Xunqueira. Os visitantes chegaban como un equipo sólido, comodamente instalados na terceira posición da táboa, pero foron superados claramente polos granates, nunha excelente primeira parte, aínda que o perigoso repregamento efectuado no segundo período estivo a punto de custarlles o partido.
O Pabellón decepcionou na súa proposta futbolística. Fútbol directo e saques de banda como únicos argumentos ofensivos, e aínda así sacou petróleo de tan avara aposta. Co Pontevedra dono e señor do partido unha acción de saque de banda de Oca, prolongada por Viti, permite a Adrián poñer o seu equipo por diante. Non era xusto para o xogo despregado, pero o Pontevedra non se caeu e empatou primeiro por medio de Dani, logrando Quique materializar o gol que logo lles daría a vitoria.
Na reanudación o Pontevedra botouse atrás intentando buscar unha contra que non chegaba. O Pavillón creceu, pero sempre sobre a base de buscar segundas xogadas tras desprazamentos directos do seu porteiro, de área a área. Aí apareceu o meta local, Lucas, que con tres intervencións providenciais evitou o empate. O Pontevedra sacudiríase lixeiramente ese dominio nos últimos minutos, nos que mesmo estivo a punto de sentenciar un resultado que lles pon ao fío de eludir os postos de descenso.
PONTEVEDRA (2): Lucas, Puyi, Bruno, Marou, Emilio, Joni, Ángel (Dani Otero, min. 86), Tomás (Jaime, min. 88), Pibe, Quique (Yago, min. 69) e Dani (Marwan, min. 71).
PABELLÿN OURENSE (1): Diego, Marcos, Roberto (Noel, min. 55), Vicente, Germán, Oca, Esteban, Adrián (Aitor, min. 55), Viti, Karin e Guillermo (Cristian, min. 83).
Árbitro: Vidal Araujo, auxiliado nas bandas por García Parada e Fariña Biasi (Pontevedra). Amoestou a: Tomás, Pibe, Vicente, Oca, Adrián e Guillermo.
Goles: (0-1) Minuto 10: Adrián. (1-1) Minuto 20: Dani. (2-1) Minuto 30: Quique.
Incidencias: Sintético da Xunqueira. Uns 150 espectadores.
O FILIAL PERDE EN LALÍN E REMATA CON NOVE XOGADORES
Un gol ao comezo de cada período e unha arbitraxe caseira custaron o partido ao Pontevedra B en Lalín, nun choque que mete os rapaces de Manu Fernández de cheo na zona de perigo, á vez que dá aire ao conxunto lalinense, permitíndolle achegarse ao mesmo filial granate na súa loita por eludir o descenso.
Iván adiantou os rojinegros no primeiro minuto, aproveitando o rexeitamento dun golpe franco lanzado por Damián. O filial granate só inquietou o portal de Michi pouco antes do descanso por mediación de David no único despiste da zaga local.
De novo a pouco do comezo, na segunda parte, volvería acertar o Lalín. Rubén Méndez marcaba o segundo, ao rematar de cabeza á saída dun córner. O gol esporeou o orgullo do Pontevedra B, que adiantou liñas, pero o árbitro sinalaría penalti, expulsando a Cristóbal e deixando ao conxunto visitante cun menos. Damián sentenciaba o partido, malia o bo gol logrado por Víctor de falta directa.
Por se fose pouco para os granates, a falta de seis minutos Yago Vázquez, era expulsado deixando o seu equipo con nove.
C.D. LALÍN (3): Michi, Kevin, Gus, Rubén Méndez, José Ramón, Matías, Maceiro (Iván Fernández, min. 83), Iván (Aitor, min. 85), Romero (Suso, min. 60), Imanol e Damián (Ferreiro, min. 88).
PONTEVEDRA B (1): Edu Sousa, Uru (Eirín, min. 78), Alves (Chicho, min. 45), Cristóbal, Yago Vázquez, Héctor, Víctor, Paco (Collazo, min. 61), Outeiro, Pingüi (Pedro, min. 61) e David.
Árbitro: Rubén Folgueira (Lugo). Amoestou a Otero, Yago e Collazo, así como ao delegado do Lalín, Juan Suárez. Expulsou con vermello directo os visitantes Cristóbal e Yago Vázquez.
Goles: (1-0) Minuto 1: Iván. (2-0) Minuto 51: Rubén Méndez. (3-0) Minuto 63: Damián, de penalti. (3-1) Minuto 69: Víctor.
Incidencias: Campo Manuel Anxo Cortizo. Lalín. Cen espectadores.