Sen marxe de erro para o Pontevedra na visita do Deportivo B
Por Ramiro Espiño
Un Pontevedra ferido necesita recuperar a súa imaxe fronte ao Deportivo B. A cita será en Pasarón (domingo, 18:00 horas) e os granates terán que buscar non só os tres puntos en disputa, senón tamén a tranquilidade perdida co trompazo sufrido en Ribadeo, ademais da confianza que daría un triunfo sobre un cadro como o herculino, que se perfila como un dos rivais a bater na loita polo campionato.
E non vai ser un rival doado. O filial deportivista, cun equipo moi renovado como corresponde á súa condición, segue contando con xogadores que atesouran unha enorme calidade individual, capaces do mellor e tamén do peor, que se teñen a súa tarde lle poden amargar a existencia a calquera rival.
Ademais, o Deportivo B é un conxunto que nas últimas tempadas se lles vén atragoando aos granates. De feito, dende o descenso de ambos os dous equipos, nas tres tempadas anteriores en terceira división os coruñeses sempre sumaron puntos nas súas visitas a Pasarón, con dúas vitorias e un empate.
Iso si, como o Pontevedra, o equipo dirixido por Manu Mosquera tivo un arranque de liga titubeante, alternando un empate en Abegondo, fronte As Pontes (0-0), con goleada a domicilio a custa do Alondras (1-4), para ceder no seu campo a pasada xornada, contra o Cerceda (0-2).
A dirección do partido estará a cargo do colexiado ourensano Alexandre Mazaira Rodríguez, un árbitro do que o Pontevedra non garda precisamente o mellor dos recordos, xa que a última vez que dirixiu aos granates, a pasada tempada en Betanzos, ademais da súa facilidade para tirar das tarxetas ao menor rozamento, sinalara o final do partido co marcador en empate (1-1) e o Pontevedra xogando en inferioridade numérica por expulsión de Pablo, cando Pablo Carnero se ía co balón controlado en solitario cara á meta rival.
Os granates, que realizaron o último adestramento da semana na mañá do sábado, en Pasarón, seguen tendo as baixas de Pablo Carnero e Tubo, por lesión, se ben o técnico xa poderá contar con Tomás, restablecido dos seus problemas no nocello, aínda que se manterá polo menos unha semana máis fóra da convocatoria, para non forzar a súa reaparición.
Á marxe as posibles cambios no once inicial, que polo visto no ensaio se poden dar por seguros, o que parece claro é a variación de sistema que realizará o equipo. Todo apunta a que o técnico deixará o 4-1-4-1 con que ata agora actuara regularmente, polo 4-2-3-1, en busca dun maior equilibrio na zona ancha, evitando os espazos entre liñas que tantos problemas causaron en Ribadeo.
En canto aos xogadores convocados non hai novidades, repetindo a lista da pasada semana. Quedan fóra os citados Carneiro, Tubo e Tomás, ademais de Luismi, por decisión técnica. Deste modo, os 16 xogadores convocados son: Edu, Lloves, Adrián, Campillo, Pablo, Capi, David Feito, Pedro García, Kevin Presa, Fran Fandiño, Mouriño, Jacobo, Centrón, Anxo, Benja e Jorge.