O Campionato de Europa de Madrid, próximo reto do Pontevedra Fútbol Gaélico
Por Redacción
O Pontevedra Fútbol Gaélico inicia este sábado 13 de setembro a súa segunda tempada de vida e faino cun reto de altura, participando no Campionato de Europa que se celebra en Madrid.
Ata alí desprazarase a expedición pontevedresa coa intención de "aprender dos mellores", pois quedaron encadrados nun grupo de moito potencial.
Os seus rivais serán o Lorient GAC da Bretaña francesa, o Madrid HARPS, anfitrión do torneo, e o Irmandinhos da Estrada.
Por outra parte o Pontevedra Fútbol Gaélico repetirá presenza esta tempada na Liga Galega, que se presentará o 4 de outubro no Grove aproveitando o partido que alí disputarán as seleccións de Galicia e Irlanda.
Ademais, entre os retos do club lerezano para o presente curso encóntrase a creación dun equipo feminino, polo que animan a todas as rapazas interesadas en probar este deporte a contactar a través do correo electrónico gaelicopontevedra@gmail.com. Actualmente contan xa con cinco xogadoras, pero necesitan outras cinco para poder inscribir o equipo.