Un Bergantiños moi reforzado e con experiencia para o debut do Pontevedra en Pasarón
Por Ramiro Espiño
Calor, moita calor, e un recén ascendido perigoso, o Bergantiños. Serán os rivais do Pontevedra no seu debut ligueiro en Pasarón (domingo, 17:00 horas), con arbitraxe do colexiado ferrolano Víctor García Villaverde.
Tras a vitoria a domicilio fronte ao ÿrdenes no primeiro partido do campionato, os granates teñen o obxectivo de converter o seu feudo nun verdadeiro fortín inaccesible para calquera rival e para iso terán que impedir que o conxunto de Carballo logre impoñer o seu xogo, freando as armas dos locais como xa o fixo fronte a outro dos gallitos da categoría, o Cerceda, a pasada semana.
O equipo que adestra Javier Oreiro renovouse moito en relación ao que logrou o retorno a Terceira división na pasada tempada. Así, conta nas súas filas con homes con ampla experiencia en Terceira División e mesmo en Segunda B, como os casos de Crístopher, Gonzalo Vilariño e Álex Canedo (Cerceda), Germán e Borja Facal (Compostela), Aarón (Deportivo B), Michi Castro (Dorneda), Roberto Piñeiro (Negreira), Astray (Bertamiráns), Denís (Laracha), Josiño (Ordes), ademais dos exgranates Moreira e David García.
Esta lista proba que, malia tratarse dun equipo recén ascendido non carece de experiencia e calidade, despois de configurar un plantel coa intención de non pasar apuros para conservar a categoría, o que fai que o técnico granate, Manu Fernández, intentase mentalizar os seus homes sobre as dificultades do rival: "El Bergantiños no tiene nada que ver con un equipo recién ascendido. Han fichado mucho y bien. Tienen oficio y calidad, por lo que vendrán a ponernos las cosas muy difíciles e intentar llevarse algún punto".
Aínda así, para o adestrador pontevedrés, o obxectivo non pode ser outro que a vitoria, a pesar das catro baixas coas que conta nas súas filas: Capi, que cumpre o último partido da sanción que arrastra da pasada campaña no Ourense, Pablo Carnero, que xa comezou por fin a adestrar, pero ao que aínda lle resta polo menos un mes para superar os seus problemas de pube, Tubo, moi mellorado, pero aínda cun par de semanas de traballo por diante para esquecer a súa lesión no nervio ciático, e o mozo Tomás, cunha escordadura de nocello que lle manterá lonxe do equipo durante uns quince días.
Deste modo, a lista de convocados cínguese aos 16 xogadores dispoñibles, incorporando a Luismi no sitio do mencionado Tomás, polo que estarán: Edu, Lloves, Adrián, Campillo, Pablo, David Feito, Kevin Presa, Pedro García, Jacobo, Mouriño, Fran Fandiño, Luismi, Centrón, Anxo, Benja e Jorge.