Sergio Vallejo, oitavo no Mundial de Szeged; Adrián Sieiro á final de C-1 200 metros Sub-23
Por Redacción
O canoista Sergio Vallejo, o primeiro padexeiro do Club Piragüismo Poio en clasificarse para a final dun Mundial en embarcación individual, finalizou oitavo no Campionato do Mundo Júnior e Sub 23 de Piragüismo en augas tranquilas que se está a disputar en Szeged (Hungría). Este domingo será a quenda do seu compañeiro de equipo, Adrián Sieiro, que se clasificou para a final en C-1 200 metros na proba sub-23.
A pesar de estar a loitar ata os últimos metros, Sergio Vallejo non puido estar preto das medallas na proba de C-1 1.000 metros júnior. Entrou oitavo en liña de meta cun tempo de 4 minutos e 1 segundo. O triunfo foi para o húngaro Jonatan Hadju, que completou o quilómetro en 03:52.91. Completaron o podio o moldavo Sergii Tarnosrsky e o ruso Vladislav Chebotar, que foi sete segundos máis rápido que o pontevedrés.
Pola súa banda, Adrián Sieiro asinou este sábado unha grande actuación. Tras clasificarse con comodidade nas eliminatorias previas, gañou a súa semifinal de C-1 200 metros na categoría sub-23. Fíxoo cun tempo de 00:39.33.
O padexeiro do Club Piragüismo Poio loitará polas medallas este domingo. Participará pola rúa 4 nunha final á que accedeu co quinto mellor tempo de todos os aspirantes.
Con respecto ao resto de representantes galegos neste Mundial de Szeged, Cristian Silva e o asturiano Pedro Váquez foron sextos na final de K-2 1.000 júnior cun tempo de 3:18.767; mentres que Tania Fernández foi quinta na súa semifinal de K-1 200 metros sub-23 e quedou fóra da final.
Cristian Silva competirá tamén o domingo na final do K-4 1.000 júnior, mentres que outro galego, Rubén Millán, fará o propio como compoñente do equipo sub-23 sobre a mesma distancia. Cristina Noya, en C-2 500 sub-23, tamén estará na final da súa categoría, xunto á súa compañeira Araceli Iglesias. Nas finais B estará Tania Fernández e a vasca Begoña Lazcano (K-2 500 sub-23), igual que Raquel da Costa e Camila Morison en K-2 500 júnior.
Relacionadas:
-
Adrián Sieiro, sétimo en C-1 500 Sub-23, pecha un gran Mundial para o Club Piragüismo Poio
Por Redacción |
-
Sergio Vallejo, primeiro canoísta individual do Club Piragüismo Poio en disputar unha final dun Mundial
Por Redacción |
-
Adrián Sieiro e Sergio Vallejo compiten desde este xoves no Mundial júnior e sub-23 de Szeged
Por Redacción |