E obrouse o milagre: O Teucro derrota o líder Barcelona B (26-24) conseguindo a permanencia
Por Ramiro Espiño
Necesitaba un milagre e unha carambola favorable. O Teucro debía derrotar o líder e campión de liga, Barcelona B, e esperar que o Pozoblanco non puntuase en Benidorm. O segundo era de todo punto lóxico e probable, xa que os alacantinos se xogaban a posibilidade do ascenso directo, pero o primeiro, vencer aos azulgranas, parecía unha empresa inalcanzable para o Teucro actual.
Tiñan que darse as dúas circunstancias para que os teucristas evitasen unha dramática fase de permanencia con Palma del Río e Chapela, na que só un dos tres participantes conservará a categoría. E non obstante obrouse o milagre deportivo, produciuse a carambola e o Teucro seguirá un ano máis na División de Honra Prata.
Houbo que esperar á última xornada. Sufrindo. Cando todo parecía perdido, para que a afección azul gozase e respirase aliviada. Nunca se debeu chegar a este extremo, pero lesións de xogadores claves, problemas múltiples no equipo, fixeron que a segunda volta fose un calvario, recompensado en parte pola alegría dunha permanencia máis cara que nunca, e por iso tamén máis festexada que nunca.
O partido foi máis emocionante que de calidade. O Teucro gardábase un ás na manga coa presenza na aliñación do porteiro arxentino, Juan Bar. E foi decisivo. Aínda minguado de facultades, a súa presenza baixo paus mediada a segunda parte pareceu dar ao equipo a seguridade e confianza que necesitaba para conseguir a remontada e facerse cunha vitoria que se escapaba.
Porque se durante a primeira parte o Teucro foi lixeiramente superior e conseguiu levar a iniciativa no marcador, aínda que sempre con vantaxes que non superarían os dous goles, na segunda o cambio de defensa azulgrana, cunha forte presión sobre central e lateral esquerdo ofensivo, se lle atragoou aos de Javier Barrios.
Esa circunstancia fixo que o marcador dese a volta. Do 15-13 con que se chegou ao descanso pasaríase ao 19-21 (minuto 45), momento en que Barrios ordena a entrada en pista de Juan Bar. A súa presenza non obrou un efecto instantáneo. Mesmo o conxunto catalán ampliaría máis a diferenza ata o 19-23, a falta de só 11 minutos para o final.
Malia que as noticias que chegaban de Benidorm eran favorables, as cousas pintaban mal. Pero o adestrador visitante ordenou de novo volver á defensa 6-0 ante a que os azuis se encontraban máis cómodos, ademais de dar entrada aos seus homes menos habituais, especialmente Florian Baumgärtner, cometendo erros que non desaproveitou o Teucro.
Nesas estabamos, cando o meta arxentino parou tres balóns consecutivos. E o Teucro veuse arriba. A bancada creceuse co equipo e empezou a cantar o xa clásico "Si se pode".
E Carlos García fixo o resto. Un gol seu significaba o empate (23-23), con sete minutos por xogar. Borja Pedreira poñía de novo por diante o Teucro, forzando ademais a exclusión de Joán Amigó. Carlos García anotaba de novo e as protestas de Joao Pedro levábanlle tamén dous minutos ao banco.
A reaparición de Juan Bar e un parcial de 7-0 nos últimos dez minutos dá a volta ao marcador entre berros de "Si se pode"
Quedaban 3'30" cando de novo Carlos García encontraba o oco para poñer o 26-23 no marcador. Fixérase un incrible parcial de 7-0 que poñía o milagre ao alcance da man. E non se desaproveitou. Os cataláns volveron marcar, pero cando xa só restaban 15 segundos para o final.
Logo, sobre a pista o equipo e a afección na bancada, esperaron cinco interminables minutos ata que por megafonía se anunciou a vitoria do Benidorm (24-20) sobre o Pozoblanco. Desbordouse a alegría. A sombra do descenso quedaba atrás e a salvación deportiva era un feito. Agora queda a segunda parte, pero ese partido disputarase nos despachos, nos que a directiva debe lograr que o Teucro siga tendo un futuro, superando os problemas económicos que afogan á veterana sociedade.
Iso si, pode que nunca agradeza bastante o balonmán pontevedrés e galego a Pasqui, adestrador do Barcelona, a súa decisión de pensar na copa de Europa e convocar nesta xornada para o primeiro equipo azulgrana ata catro xogadores do filial: o porteiro Ignacio Biosca, o máximo goleador Adrián Figueras, o checo Michal Kasal e David Balaguer, que non se desprazaron a Pontevedra para disputar o partido.
SD TEUCRO (26): Dani Cadilla; David García Pichel (4), Miguel Porto (2), Tomás Moreira (2), Carlos García (8, 2 de penalti), Borja Pedreira (5), Miguel Sío -sete inicial-, Juan Bar (p.s.), Marcos Dorado (1), Carlos Pombo, Alejandro Pombo (1), Víctor Rodríguez, Aser Costal e César Armán (3).
FC BARCELONA B (24): Francisco Revuelta; Johny Medina (1), Joao Pedro (3), Pol Vilaplana, Joán Amigó (7), Víctor Sáez (4), Alberto Miralles (4, 1 de penalti) -sete inicial-, Ignasi Admella (p.s.), Víctor Montoya (3), Oriol Rey, Guillem Lozano (2) e Florian Baumgärtner.
Árbitros: Alfredo Arcos Adeva e ÿscar García Camino (Madrid). Excluíron por dous minutos a Miguel Porto e Borja Pedreira, polo Teucro, e a Joán Amigó e Joao Pedro, polo conxunto catalán.
Marcador (cada cinco minutos): 2-1, 5-3, 7-6, 10-9, 12-10, 15-13 (descanso), 16-16, 18-17, 19-21, 20-23, 24-23 e 26-24 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 700 espectadores.