Ceci, protagonista con España no torneo internacional de Moscú
Por Redacción
Vitorias fronte a Irán (2-0) e Hungría (5-0). A selección española de fútbol sala feminino xogará o venres (12:00 horas) fronte á anfitriona Rusia a final do Torneo Internacional Día da Victoria de Moscú, no que a xogadora do Poio FS, Ceci, está a ter novamente un protagonismo destacado.
Tanto na primeira xornada fronte ao combinado iraniano, que se saldou con vitoria por 2-0, grazas aos goles de Natalia (Atlético de Madrid) e Patri Chamorro (Móstoles), como no segundo partido fronte a Hungria, á que se derrotou por un contundente 5-0, as españolas tiveron máis dificultades das previstas no primeiro tempo, logrando superar os seus rivais nas segundas partes.
Ceci, que saíu no cinco inicial no primeiro partido, tivo máis protagonismo fronte ao combinado maxiar, no que foi a autora do segundo gol, vendo tamén unha cartolina amarela.
Os restantes goles de España foron logrados por Amelia (Universidad de Alicante), Lucía Nespereira (Viaxes Amarelle), Erika (Valdetires Ferrol) e Anita Luján (Atlético de Madrid).
Os resultados de Rusia fronte aos mesmos rivais que as españolas foron máis axustados, xa que a selección organizadora do torneo se impuxo na xornada inaugural a Hungría (3-1) e o mércores derrotou as iranianas pola mínima (2-1), circunstancia que fai que ás rapazas de José Venancio López lles sirva o empate para alzarse co primeiro posto.