Destacado papel dos padexeiros locais na Copa de España de 1.000 metros de Verducido
Por Redacción
ÿxito de participación na Copa de España de 1.000 metros celebrada esta fin de semana na pista do Pontillón do Castro, en Verducido.
Ante moitos dos mellores padexeiros nacionais, os piragüistas dos clubs locais protagonizaron un destacado papel subindo ao podio en moitas das probas.
Entre eles sobresaíu Diego Romero en canoa, impoñéndose primeiro no C-1 por diante de José Manuel Sánchez e Yeray Picallo e facendo despois triplete co seu club, o Breogán do Grove, gañando tamén o C-2 xunto a Tono Campos e o C-4, con Cristian Rivademar e Jacobo Domínguez completando a tripulación.
Pola súa banda en categoría júnior os padexeiros do Poio Sergio Vallejo e Alex Bernárdez finalizaron en primeiro e segundo lugar no C-1.
Ademais das probas de 1.000 metros, a competición feminina desenvolveuse sobre a distancia de 500 metros, cun papel protagonista da Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra en canoa.
Nesa especialidade Jenifer Casal gañou con solvencia o C-1 coa súa compañeira de equipo Raquel González na terceira praza. Patricia Coco, do Cisne foi segunda, e Cristina Noya (Rías Baixas), Susana Casal (Naval de Pontevedra) e Paula Castro (Rías Baixas) ocuparon os postos quinto, sexto e sétimo, respectivamente.
Jenifer e Raquel completaron a súa actuación vencendo tamén no C-2.
Tamén en categoría feminina o K-4 do Breogán do Grove, composto por Elizabeth Álvarez, Sara Bravo, Laura García e Natalia García fixéronse co bronce.