Desastre do Teucro que cae (27-28) fronte ao Handbol Bordils e ve perigar a permanencia
Por Ramiro Espiño
Nervios, exceso de responsabilidade. Factores perigosos para afrontar un partido de tanta importancia. Pasáronlle factura ao Teucro, que tardou en entrar no partido, resistindo o embite máis sobre a base das súas individualidades que ao xogo de conxunto, no que os cataláns se mostraron sempre superiores.
Os teucristas saíron fríos, atenazados, descentrados. Superados a partes iguais polo dinamismo do Bordils nas accións de ataque, polos seus erros nos cambios de opoñente e desaxustes defensivos, así como pola falta de ideas para superar a contundente defensa rival. Iso sen contar a diferenza de achega dunha e outra portaría.
Iso permitiu ao Bordils levar a iniciativa durante os primeiros 15 minutos, cunha máxima diferenza de tres goles. Pero os azuis tiraron de orgullo. Encontraron a Tomás Moreira no pivote e apoiáronse en García Pichel. Foi suficiente.
Un gol de Dani Cadilla, de portaría a portaría, poñía por primeira vez en vantaxe os de Javier Barrios, que logo sufriron a rigorosidade arbitral cunha dobre exclusión simultánea de Carlos García e Víctor Rodríguez. Pero para entón os nervios xa ían quedando atrás. E repuxéronse. Con dúas accións finais de Borja Pedreira, oportuno, que daban a volta ao electrónico e deixaban no descanso unha vantaxe de tres para os teucristas, impensable apenas uns minutos antes.
Pero o peor estaba por chegar. Se o Teucro saíra mal ao comezo, o regreso dos vestiarios foi moito peor. E o malo é que a "caraja" durou ata que xa nada se podía facer por evitar unha derrota que empezou a mascarse pronto.
Catro goles seguidos de David Masó en apenas outros catro minutos neutralizan a vantaxe local. O Teucro volve atascarse en ataque, mentres o seu defensa fai augas. Josep Reixach adianta o Bordils (16-17) e obriga Barrios a parar o partido cun tempo morto para ordenar unha defensa mixta de Miguel Sío sobre David Masó.
Os lanzamentos dos locais encontrábanse cun Jordi González que se axigantaba na portaría catalá, non permitindo máis que un gol do cadro azul nos once minutos inciales. O parcial de 1-6 devolvía a renda de tres aos visitantes e agora era Marc Canyigueral quen se convertía nun martelo para un Dani Cadilla desbordado e mal protexido pola seu defensa, ata o punto de que Barrios toma a decisión de sentar ao porteiro, dando entrada ao xuvenil Héctor Gil.
Pero as ideas en ataque seguían sen fluír. E cando o facían, os atacantes locais agrandaban a figura do porteiro rival, que se transformaba nun muro. Para entón o Bordils cría máis que nunca nas súas posibilidades. A diferenza subiu a 4 (18-22) a falta de pouco máis de once minutos.
O equipo local anotou só tres goles nos primeiros 23 minutos do segundo tempo. Logo maquillou o resultado sen opción de remontar
Javier Barrios esgota os seus tempos mortos. Nin con esas. O equipo teucrista entrara en encefalograma plano e xa nin o labor de conxunto (inexistente toda a tarde), nin as individualidades, podían salvar o desastre. Facer só tres goles en 23 minutos unicamente pode conducir á derrota, e cara a ela camiñou un Teucro sen recursos, tan loitador como desacertado, que chegou a estar ata oito goles por debaixo no marcador e que maquillou o resultado no correcalles final, cun parcial de 8-2 que non serviu para outra cousa que para presentar uns algarismos enganosos.
A derrota deixa a Teucro coa permanencia no aire e tendo que xogárseo todo nas dúas últimas e dramáticas xornadas.
SD TEUCRO (27): Dani Cadilla (1); Marcos Dorado, David García Pichel (5, 2 de penalti), Miguel Porto (2), Víctor Rodríguez (1), Carlos García (7, 2 de penalti), Miguel Sío (2) -sete inicial-, Carlos Pombo, Alejandro Pombo, Tomás Moreira (2), Aser Costal, César Armán (1), Borja Pedreira (6) e Héctor Gil (p.s.).
HANDBOL BORDILS (28): Jordi González; Esteve Ferrer (1), Eduard Nonó (5), David Masmiquel (2), Marc Canyigueral (7), Ignasi Moreno (2), Josep Reixach (6, 2 de penalti) -sete inicial-, Oriol Márquez (1), David Masó (4), Joan Vilanova, Álex Marco, Martí Vila, Albert Masó e Joan Comas (p.s.).
Árbitros: Gonzalo Miranda Bedate e Fernando San Pedro Colorado (Madrid). Excluíron por dous minutos a David García Pichel, Víctor Rodríguez, Carlos García e Miguel Sío, polo Teucro, e a Martí Vila, David Masó, Esteve Ferrer, Josep Reixach e Joan Vilanova, polo conxunto catalán.
Marcador (cada cinco minutos): 1-3, 4-6, 5-7, 8-8, 11-11, 15-12 (descanso), 16-16, 16-18, 18-21, 18-22, 19-26 e 27-28 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 500 espectadores.