Mal partido do Pontevedra B que se complica a vida coa derrota (0-3) ante o Ourense B
Por Ramiro Espiño
Gañou o que máis o necesitaba. Sen actitude nin intensidade por parte granate, o duelo entre filiais decantouse do lado ourensano, que respira cos tres puntos, afastándose momentaneamente dos postos que por posibles arrastres poderían levarlle ao descenso de categoría, na mesma medida que os de Blas Charlín se complican a vida, tendo que esperar a certificar unha permanencia ao alcance da man, pero que non souberon pechar cando o tiñan ao seu alcance.
Os visitantes fixeron gala dunha efectividade case total. Cinco disparos a porta en todo o partido, con tres goles e un remate repelido polo poste. Foron xustos vencedores polo seu maior acerto e mellor posicionamento no campo. Pola contra os pontevedreses fallaron nas dúas únicas xogadas de verdadeiro perigo que foron capaces de crear en todo o primeiro tempo, e apenas encontraron o modo de inquietar ao seu adversario nunha segunda parte insufrible polo seu mal xogo e constantes interrupcións.
A primeira ocasión foi para o cadro local, pero o remate de Ismael, de cabeza, foise ao centro da portaría, sen crearlle problemas ao meta ourensano. Era o minuto 4 de partido, e o Pontevedra B apagouse pouco despois. Unha contra ben levada pola esquerda por Pana, remata cun centro que remata de cabeza en prancha Rubén Arce, adiantando o seu equipo.
Reaccionou timidamente o cadro local, que tivo o empate na botas de Félix, pero o seu remate, pasada a media hora, foise de novo ao centro, rexeitando o porteiro, sen que Ismael lograse aproveitar o balón, enviándoo alto.
A pasividade defensiva granate custoulle o segundo gol pouco antes do descanso, ao permitir manobrar a Carlos que controla dentro da área e se revolve con comodidade batendo a Adrián.
E a sentenza chegaba ao pouco de comezar o segundo tempo, cando un novo centro lateral, dende a esquerda o remata Presas de cabeza, anticipándose ao seu marcador. Logo nada. Xogo insulso, sen ritmo nin perigo, cun Ourense B que se defendeu sen pasar apuros mantendo o resultado con comodidade.
PONTEVEDRA B (0): Adrián; Uru (Pedro, min. 49), Marou, Dani Adán (Emilio, min. 62), Alves; Héctor, Kevin Presa (Adri Martínez, min. 79); Ismael, Paco, Félix (Agus, min. 46); e Diego.
CD OURENSE B (3): Aarón; Iago, Lamelas, Pablo Corzo, Senén; Gabriel (Ismael, min. 80), Presas (Álvaro, min. 64); Carlos (Omar, min. 70), Dani, Pana (Álex, min. 59); e Rubén Arce.
Árbitro: Pereira Ferreiro (Lugo), auxiliado nas bandas por Fente Pena e Vázquez Méndez. Amoestou Diego e o adestrador, Blas Charlín, polo conxunto local, e a Senén, Lamelas, Pana e Álvaro, polos visitantes.
Golés: (0-1) Minuto 23: Rubén Arce. (0-2) Minuto 43: Carlos. (0-3) Minuto 48: Presas.
Incidencias: Sintético da Xunqueira (Pontevedra). Uns 50 espectadores.