Vencer para evitar problemas, obxectivo do Teucro fronte ao Handbol Bordils
Por Ramiro Espiño
Volve a liga tras o parón de Semana Santa e faino cun partido crucial para o Teucro, que recibe no Municipal (sábado, 20:00 horas) a visita do Hanbol Bordils, nun duelo de necesitados, rivais directos por evitar unha dramática promoción de permanencia.
Con tres partidos para o final da liga regular, o Teucro encóntrase a só tres puntos do décimo terceiro posto que ocupa o Pozoblanco e con dous de vantaxe sobre o seu rival desta xornada. Trátase polo tanto da oportunidade de evitar posibles problemas nos dous últimos partidos, selando unha permanencia que mesmo podería ser matemática en caso de vencer por máis de seis goles ao conxunto catalán, que se impuxera na ida por 32-26.
Sen dúbida que a semana de descanso terá sentado ben nos xogadores pontevedreses, que viñan acusando de forma importante no seu xogo e rendemento o desgaste dunha tempada cargada e esixente, na que as lesións minguaron considerablemente o equipo en bastantes xornadas.
As ausencias no equipo que adestra Javier Barrios seguen sendo as de Juan Bar e David Chapela, pero espérase que outros xogadores que acusaran serias molestias en xornadas anteriores, como o caso de Carlos García, poida afrontar o partido en plenas condicións.
Por ese motivo hai un moderado optimismo en poder obter dous puntos que convertan nun mero trámite os dous partidos restantes, na sempre complicada pista dun Torrelavega que tamén loita por eludir esa liguilla de permanencia, e a visita no Municipal pontevedrés do líder e case campión, Barcelona B na xornada final.
Razóns de máis para que o apoio da afección teucrista sexa fundamental. Dende a bancada debe chegar aos xogadores o alento que lles leve en volandas cara a unha vitoria que afaste calquera fantasma do horizonte. Conscientes do necesario dunha asistencia masiva de seguidores, a directiva adoptou a medida de permitir que cada socio poida levar de xeito gratuíta ao Pavillón Municipal dos Deportes a todos os acompañantes que desexe.