Difícil compromiso para o Poio FS coa visita ao Universidad de Alicante
Por Ramiro Espiño
Sen presión pero coa ilusión de certificar canto antes a permanencia matemática, afronta o Poio unha difícil saída á pista do Universidade de Alicante (sábado, 19:00 horas). Un partido que se xogará na pista do pavillón universitario da capital alicantina, e no que o conxunto local está obrigado a gañar para manter a cuarta praza que lle permita manter as súas opcións de xogar a Copa da Raíña.
A falta de cinco xornadas para a conclusión do campionato, as vermellas afrontan o desprazamento sabendo que mesmo perdendo poderían alcanzar o seu obxectivo, sempre que Valdetires e Soto del Real non consigan vencer nos seus respectivos partidos ante Lacturale Gurpea Orvina e AD Alcorcón FSF.
Con esa tranquilidade as vermellas realizan a viaxe a primeira hora da tarde de venres, en avión, para facer noite xa en Alicante e esperar a hora de comezo do partido fronte a un equipo ao que xa venceron na primeira volta na Seca (5-3) nun choque emocionante.
Marcio conta con todas as xogadores á súa disposición, xa que tan só Silvia e Ceci teñen lixeiras molestias, pero que non lles impedirán actuar. Deste modo, o técnico brasileiro, que deixa fóra da convocatoria a Mar e Tania, lévase a: Silvia, Carmen, Paloma, Yoly, Charo, Claudia, Ceci, Kiko, Peke e Elena.