Nova final para o Pontevedra coa visita dun perigoso ÿrdenes
Por Ramiro Espiño
Será unha nova final. Todas o son xa nas catro xornadas de liga que restan na carreira cara ao play-off polo ascenso, e especialmente na loita polo liderado. O Pontevedra recibe en Pasarón (domingo, 18:00 horas) a visita dun sempre perigoso ÿrdenes, con arbitraxe de ÿscar Martínez Santos, colexiado da delegación de Santiago.
Cos resultados producidos nos partidos adiantados da xornada, os granates teñen a oportunidade de colocarse no segundo posto da táboa, ao ronsel do líder Somozas, superando a Cerceda e Boiro.
Pero da importancia dos puntos en disputa fala non só esta circunstancia, senón tamén que un tropezo deixaría aos de Manu Fernández cun só punto de vantaxe sobre o quinto clasificado, As Pontes, o que complicaría seriamente a recta final da tempada, na que o agardan enfrontamentos fronte a Boiro, a domicilio, e Somozas, en Pasarón, ademais de visitar na última xornada o sempre difícil escenario, polas súas reducidas dimensións, do Condús, onde o Dorneda podería estar a xogarse a permanencia.
Razóns de máis para que o técnico granate intentase mentalizar os seus xogadores de saír a pola vitoria. O rival, o ÿrdenes de Nacho Fernández, chega sen presión e cos deberes feitos.
Os seus resultados nas catro últimas xornadas (dous empates e dúas derrotas) fixéronlle quedar á marxe da loita polos postos de honra, pero nunha cómoda sétima posición, aínda que nas súas filas hai xogadores con calidade e experiencia na categoría como para complicar a tarde a calquera rival.
En canto ao Pontevedra, á baixa de David Pérez, por lesión, súmanse as ausencias de Pablo Lede, Benja, Yago Vázquez e Tubo, todos eles por sanción federativa. Ademais, Javi Otero está con molestias nos isquiotibiales, tras o amigable xogado o xoves en Villalonga, motivo polo cal, tras o último adestramento da semana realizado na mañá do sábado en Pasarón, o técnico decidiu convocar 17 xogadores.
Desa lista de convocados destaca a presenza do xuvenil Tomás, así como a do centrocampista do filial, Kevin Presa, que regresa tras varias semanas de ausencia por lesión. Igualmente reincorpórase David Feito, tras cumprir sanción, mentres que Caco, Pablo Carnero e Pedro Crespo, que tiñan distintas molestias, recuperáronse a tempo e están en condicións de actuar.
Como consecuencia de todo iso, os 17 xogadores convocados son: Edu, Paco, Adrián, Caco, David Feito, Miguel, Pablo, Pedro Crespo, David García, Fran Fandiño, Moreira, Tomás, Luismi, Kevin Presa, Pablo Carnero, Kevin Levis e Javi Otero.