Os irmáns Ígor e Yuri de Souza aproveitan a Semana Santa para volver a Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Moitos afeccionados ao fútbol que durante a tarde e primeiras horas da noite do venres se paseaban por Pontevedra tiveron a agradable sorpresa de encontrarse con tres iconas do pasado recente do club granate. A familia de Souza. Os irmáns Ígor e Yuri, co seu curmán Charles.
Os tres dianteiros que tantas tardes de bo fútbol e goles deixaron no Pontevedra, aproveitaron a Semana Santa para gozar unhas horas xuntos, e reunirse con amigos nunha cidade que para eles sempre será especial, e na que sempre son recibidos con moito cariño.
PontevedraViva encontrounos paseando pola Ferraría cando o pequeno da saga familiar, Charles, xa se despedira dos seus curmáns, pero Ígor e Yuri quixeron apurar aínda un pouco máis as primeiras horas da noite para recordar os seus tempos aquí, saudando os numerosos afeccionados que os recoñecían ao seu paso.
O maior dos de Souza, Ígor, que finalizou xa a tempada na primeira división de Grecia, confirmaba que chegara a un acordo co seu actual club, o Panthrakikos F.C., para renovar o seu compromiso por dúas tempadas máis: "Estoy muy contento allí, pero no pierdo de vista nunca lo que pasa en el Pontevedra. Ojalá pronto puedan volver al sitio que su afición se merece. Siempre que podemos nos reunimos los tres, y en ningún sitio mejor que aquí donde tanto se nos quiere".
De parecida forma expresábase Yuri, que loita coa Ponferradina, da que é actualmente o capitán, por conseguir a permanencia en segunda división: "Yo estoy muy a gusto en Ponferrada, pero venir a Pontevedra nos encanta. Aquí estamos en nuestra casa y no podemos olvidar los años tan bonitos que pasamos en el Pontevedra, ni el cariño que siempre nos dio esta afición, a la que quiero mandar todo mi ánimo, a ver si el equipo sale pronto de donde está".