O Leis mantense na pelexa polo ascenso tras gañar ao Coruxo (6-8)
Por Redacción
A falta de dúas xornadas para o final da liga na Terceira División de fútbol sala o Leis Pontevedra mantén intactas as súas opcións de ascenso despois de sumar un importante triunfo na cancha dun rival directo, o Coruxo (6-8).
O conxunto lerezano elimina ademais da loita aos vigueses despois dun partido que se lles puxo moi costa arriba nunha mala primeira metade (4-2), pero que lograron remontar tras o descanso.
Sergio Martínez, con cinco tantos, foi o xogador máis destacado dun encontro que se mantivo aberto ata o final, co Coruxo xogando máis de cinco minutos co porteiro-xogador.
O triunfo mantén ao Leis no segundo posto, empatado coa Estrada e Burela B e a un só punto do liderado, que ocupa o Pazos de Borbén.
Os pontevedreses contan ademais co calendario máis favorable a priori dos candidatos ao ascenso, con dous choques por diante ante Xove e 5 Coruña, último e décimo segundo clasificado respectivamente, nos que non pode fallar se quere aspirar ao campionato.
CORUXO FS (6): Daniel, Alexis (1), Bruno (1), Jony (1), Aarón, Mario, Javi (1), Cristian, Alfonso (2), Fiou.
LEIS PONTEVEDRA (8): Rubén, Márquez, Abadín, Dani, Martín, Sergio Martínez (5), Sergio García, Pablo Durán, Raúl Jiménez (3), Barcala, Miguel, Noel.
Árbitros: Fernández Méndez e González Armada (Ourense). Expulsou por dobre cartón a Daniel no Coruxo.