Dolorosa derrota do Peixe Galego (69-70) ante o Grupo Eulen para despedir tempada na Raña
Por Redacción
O soño do playoff de ascenso esfúmase para o Marín Peixe Galego. Perderon unha magnífica oportunidade de dar un paso adiante cara á fase de ascenso coa súa derrota na Raña contra o Grupo Eulen por un axustado 69-70. Un triplo a falta de dous minutos deu a vitoria aos abulenses e enmudeceu unha inchada local que non puido gozar dun triunfo no último partido na casa da tempada.
E iso que empezou con intensidade o cadro de Llorente cun 5-0 inicial. Pronto se lle torceron un pouco as cousas, pero a actividade de Aramburu e un novo parcial de 5-0 puido deixar o electrónico nun favorable 23-22 ao final do primeiro cuarto. No segundo Lucho Fernández e compañía empezaron a engraxar de verdade os seus pulsos e co apoio da súa afección romperon o partido cun interesante 33-22 aos catro minutos.
Pero Justo e sobre todo Duty acudiron ao rescate dos visitantes para voltear o marcador ao descanso (37-39). Na reanudación, un inspirado Blair, que con 20 puntos foi o máximo anotador do partido, o Peixe Galego remontou e volveuse poñer cinco puntos arriba, antes de pecharse o terceiro cuarto cunha igualdade absoluta no marcador, 56-55.
No último cuarto a igualdade e a tensión foron máximas. Con 69-67 e tres minutos por xogarse Herrero anotou un triplo, a última canastra do partido, a dous minutos do final. Ninguén máis anotou. Intentouno de tres Manu Ferreiro sobre a bucina, pero o balón non entrou.
Con este resultado, só unha verdadeira carambola permitiría ao Marín Peixe Galego xogar o playoff de ascenso. A falta dun partido, son undécimos con oito vitorias e quince derrotas.
MARÍN PEIXE GALEGO (69): Manu Ferreiro (5), Blair (20), Gregorio Adón (6), Aramburu (13), Dirugeris (9) -cinco inicial- Bandoumel (10), Belemene (4), Luis González, Podkovyrov, Lucho Fernández (2), José Paz.
GRUPO EULEN EL BULEVAR (70): Makonda, Herrero (10), Marzo (5), Méndez (11), Duty (17) -cinco inicial- Justo (8), De Bethencourt (3), Simek (8), Arturo Fernández (2), Fernando Fernández (6).
Árbitros: González Cuervo e Martín Vázquez. Sen eliminados.
Parciais: 23-22, 14-27, 19-16, 13-15.
Incidencias: Partido disputado no Pavillón da Raña, Marín. ÿltimo partido na casa do Marín Peixe Galego esta tempada.