Acéndense as alarmas para o Pontevedra xuvenil tras empatar (2-2) co CD Lugo
Por Ramiro Espiño
Grave tropezo do Pontevedra xuvenil na Xunqueira. Os granates deixaron escapar unha vitoria vital para a permanencia, despois de poñerse con vantaxe de dous goles no marcador, fronte a un rival directo, o que fai que se acendan as alarmas ao quedar ao bordo dos postos de descenso, dos que unicamente os separa agora un punto.
Foi unha xornada negativa para os pontevedreses, que ademais viron como Roces, Veriña e Cervantes conseguiron resultados positivos, co que a clasificación na cola se aperta ao máximo a falta de tan só dúas xornadas para o final de liga.
O Pontevedra dominou na primeira parte, e púxose por diante con goles de Nando e Bruno, que parecían achegalo á salvación, pero na reanudación o equipo deu un paso atrás permitindo a reacción do Lugo, que en só cinco minutos conseguiu igualar o marcador, primeiro cun penalti transformado por Fran, e logo cun remate de cabeza de Alberto, tras un saque de banda mal defendido pola zaga local.
Os últimos minutos do partido foron moi abertos, dispoñendo ambos os dous equipos de ocasións para desnivelar a balanza, pero o marcador xa non se movería, e os lucenses arrancaron un empate que practicamente lles deixa a salvo.
PONTEVEDRA CF (2): Álex; Dani, Iago, Nico (Rosal, min. 75), Bruno, Nando, Andrés (Abraham, min. 65), Tomás, David, Agus e Mario.
CD LUGO (2): Cacharrón; David, José Luis (Fran, min.46), Julio (Ross, min. 46), Adrián (Pedro, min. 76), Santi, Pablo, Marcos, Pedrosa, Alberto e Iván.
Árbitro: Daniel Lesta (Pontevedra), auxiliado nas bandas por Domenech e Loira. Amoestou a Dani, Nico e Nando, polos locais, e a Iván, polo Lugo.
Goles: (1-0) Minuto 30: Nando. (2-0) Minuto 39: Bruno. (2-1) Minuto 62: Fran, de penalti. (2-2) Minuto 67: Alberto.
Incidencias: Sintético da Xunqueira. Uns 100 espectadores.