Bea Gómez logra tres medallas no Meeting Internacional de Marsella
Por Redacción
Bea Gómez Cortés segue afinando a súa preparación de cara ao grande obxectivo da tempada, o Campionato de Europa que se celebra este verán en Berlín.
Para chegar alí, a nadadora pontevedresa deberá lograr antes a súa clasificación no Nacional Open do próximo mes de abril, unha cita á que chegará coa moral alta tras os seus últimos resultados.
No Meeting Internacional Open de la Mediterraneé de Marsella, celebrado a pasada fin de semana, a deportista do Club Natación Galaico non só logrou colgarse tres medallas, senón que nadou por debaixo da mínima esixida para o Europeo en dúas probas.
Bea acudiu a Marsella cun intenso programa, participando nos 200 e 400 estilos, 100 bolboreta, 200 braza e os 100 e 800 metros estilo libre.
A deportista lerezana finalizou no segundo lugar dos 400 estilos tras Mireia Belmonte, parando o cronómetro en 4:43.33, unha centésima menos que a mínima para Berlín.
Tamén rebaixou esa barreira nos 800 libres con 8:36.48 nunha proba na que finalizou en terceiro lugar, mesmo posto que alcanzou nos 200 braza, completando unha positiva participación no Meeting Internacional.