Alfonso Benavides, único gañador español na Nelo Winter Challenge de Verducido
Por Redacción
Por primeira vez o encoro do Pontillón do Catro (Verducido) acollía a Nelo Winter Challenge, unha das probas máis emocionantes que se celebran na Península Ibérica. E non defraudou aos amantes do piragüismo. Contou cunha alta participación e un notable nivel técnico. Foron dúas xornadas nas que se demostrou que os galegos tamén poden competir cos poderosos equipos rusos, franceses e lituanos.
Alfonso Benavides foi o único ganador español. Partía como favorito xunto a Andrey Kraytor en C-1 200 metros. Un duelo esperado entre o español, cuarto nos pasados Xogos Olímpicos, e o padexeiro ruso. E a escasa diferenza na liña de chegada demostrou a enorme calidade e potencia dos dous. Nesta proba foi quinto Adrián Sieiro (Poio Conservas Pescamar). En C-1 1000 metros o gañador foi Ilya Shotakoklov, de Rusia.
As fortes emocións rexistráronse no K-1 200 metros. Ignas Navaskausas, de Rusia, foi o que entrou en primeira posición. Cristian Toro e Carlos Arévalo intentárono ata o final, pero non foron capaces de superar a un rival que logrou a vitoria no último esforzo. Saúl Craviotto e Carlos Pérez Rial ocuparon a sétima e a novena posición, respectivamente. Ambos aínda se atopan na primeira fase de preparación para a actual tempada.
Na distancia 1.000 metros, o gañador foi o francés Cyrille Carre. Víctor Javier Rodríguez alcanzou a terceira posición, mentres Diego Piña e Rubén Millán, todos eles do Kayak Tudense, foron sétimo e noveno. A proba de resistencia resultou espectacular no seu desenvolvemento.
Na categoría feminina, Tania Fernández (Fluvial de Lugo), ocupou a sexta posición en K-1 200 metros e Natalia García (Breogán O Grove) foi sétima. Esta última foi tamén novena na final de K-1 500 metros, proba na que Ana Varela (Kayak Tudense) foi quinta. Raquel Rodríguez (Escola de Piraguismo Ciudad de Pontevedra) foi oitava en C-1 200 metros.
BOS RESULTADOS EN CATEGORIAS INFERIORES
Na categoría xuvenil, Sergio Vallejo e Alex Bernández, ambos do Poio Conservas Pescamar, sostiveron un intenso duelo no C-1 1.000 metros que se saldou co triunfo do primeiro e por unha escasa marxe. Os dous mostraron un mellor rendemento que os portugueses e os franceses. Foi notable tamén a súa participación en C-1 200 metros, onde foron segundo e cuarto respectivamente. En K-1 200 metros, José Julio Villanueva (Club Piragüismo Verducido) e Alberto Rodríguez (Poio Conservas Pescamar) foron cuarto e quinto respectivamente
Pola súa banda, en categoría cadete o triunfo en K-1 1.000 metros foi para Miguel Ángel Pérez, do Club Piragüismo Cambados, mentres que Alexandre Castro, do Ciudad de Pontevedra, foi cuarto. Dous bos resultados asinaron ademais Carolina García e Alba Otero (Escola de Piraguismo Ciudad de Pontevedra), cuarta e quinta en K-1 500 metros. Pola súa banda Pablo Rodríguez e Iván Vallejo, do Poio Conservas Pescamar, finalizaron primeiro e terceiro en C-1 1.000 metros.