Pontevedra dá a benvida ao Mundial U20 de Loitas Olímpicas
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
Un novo gran evento de carácter internacional desembarcou este luns en Pontevedra coa apertura do Campionato do Mundo U20 de Loitas Olímpicas.
O Pavillón Municipal dos Deportes foi escenario dos combates iniciais da loita grecorromana, ademais de ser escenario da inaguración oficial do evento na que participaron autoridades como o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o presidente da Deputación, Luis López; ou o presidente da Federación Española de Loita, Francisco Javier Iglesias, e que estivo marcada por un respectuoso minuto de silencio en memoria de Aleksandr Medved, histórico loitador con dez medallas olímpicas e mundiais falecido este mesmo luns aos 86 anos.
"No ha sido fácil reunir aquí a un número tan importante de países en estos tiempos de conflictos a nivel internacional. En este evento veremos a muchos atletas que, dentro de cuatro años, estarán en los Juegos", defendeu o presidente federativo.
O alcalde asegurou na súa intervención que en Pontevedra "estamos abertos a multitude de eventos deportivos porque nos gusta a práctica deportiva e que a xente de Pontevedra vexa os lidéres destes deportes", mentres que o presidente provincial afirmou que "temos infraestruturas, temos equipamentos, temos capacidade para aloxar e ganas, moitas ganas de demostrar que non hai evento deportivo que se organice mellor que aquí, en Pontevedra".
Ata o vindeiro domingo 8 de setembro competirán na Boa Vila ao redor de 700 deportistas de ata 85 países diferentes, nunha campionato que conta con preto de 1.200 persoas acreditadas segundo datos da Federación Española.
Este é o terceiro gran campionato internacional de loita que acolle Pontevedra nos últimos anos, tras o Campionato de Europa Júnior de 2019 e o Campionato do Mundo Sub-23 de 2022.
A partir de agora o torneo desenvolverase cada día de 10.00 a 15.00 horas (roldas clasificatorias e repescas) e de 16.30 a 20.30 hora (semifinais, finais e entrega de premios), salvo o domingo 8 no que os últimos combates celebraranse a partir das 16.00 horas.
Catro deportistas galegos toman parte no Mundial, como son Gonzalo Caparrós en Loita Grecorromana; Alessandro Iemma e Moises Bello en Libre Olímpica; e Candela Castro en Loita Feminina.
No que respecta ao equipo español, a primeira xornada non foi especialmente positiva en resultados, xa que os tres en competición caeron nos seus combates iniciais: James Castaño (55kg), Mario Trujillo (63kg) e José Ángel Teso (77kg).
Relacionadas:
-
A balear Carla Jaume asegura a primeira medalla para España no Mundial U20 de Loita de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
A loita feminina achega o primeiro triunfo español no Mundial U20 de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
A loita grecorromana protagoniza a segunda xornada do Mundial U20 de Pontevedra
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Catro deportistas galegos participarán en Pontevedra no Mundial U20 de Loitas Olímpicas
Por Anxo Lourido |
-
Conta atrás para o Mundial U20 de Loitas Olímpicas de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
A loita olímpica sae á rúa para promocionar o Mundial U20 de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra avanza na organización do Mundial Sub-20 de Loitas Olímpicas
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Pontevedra presenta o vídeo prmocional do Campionato do Mundo U20 de Loita que acollerá en setembro
Por Diego Espiño |