Duro correctivo do Go Fit Sinfín que arrola (39-28) o Teucro
Por Redacción
Forte correctivo o sufrido polo Teucro en Santander. O Go Fit Sinfín impúxose con claridade e non só conseguiu os dous puntos senón tamén superar o golaverage parcial entre ambos os dous, xa que os azuis venceran en Pontevedra por cinco tantos de diferenza.
Con esta derrota os de Javier Barrios afástanse das posicións de play-off, recibindo ademais na próxima xornada no Municipal a un duro rival como o Servigroup Benidorm.
O partido non tivo moita historia. Salvo o 0-1 inicial, os cántabros levaron sempre a iniciativa e fóronse moi pronto no marcador, adquirindo unha cómoda renda que foron ampliando pouco a pouco para irse xa ao descanso con todo practicamente resolto e unha cómoda vantaxe de nove goles.
A defensa non funcionou e iso permitiu cómodos lanzamentos ao cadro local, facendo que en moitos momentos o xogo fose un constante ir e vir, con numerosos erros e perdas de balón que remataron por castigar severamente os teucristas.
Tras o descanso non mellorou demasiado a situación para o Teucro, que entrou nun intercambio de goles do que tampouco obtivo resultado positivo, sendo de novo o equipo local o que seguiu ampliando a súa diferenza, que chegou a ser de 13 goles, nun partido cómodo e moito máis doado do esperado.
GO FIT SINFÍN (39): Pablo Salvarrey, Ernesto Sánchez; Álex Álvarez (12), Saúl Campo (5), Xosé Canedo (5), Manuel Castaño (3), José Manuel Herrero (4), Ramiro Merino (3), David Merino, Diego Muñiz (1), Guillermo Herrero (1) e Alberto Pla (5).
S.D. TEUCRO (28): Dani Cadilla, Héctor Gil; César Armán (2), Marcos Dorado (2), Borja Pedreira (6), Iván Fernández (2), Carlos García (3), David García Pichel (3), Tomás Moreira (3), Carlos Pombo (5), Alejandro Pombo, Miguel Porto, Víctor Rodríguez e Miguel Sío (2).
Árbitros: Andrés Peñaranda Ortega e José Antonio Yagüe Moros (Aragón). Excluíron por dous minutos a Diego Muñiz (2) e David Merino (2), polo equipo cántabro, e a Borja Pedreira e César Armán, polos pontevedreses.
Marcador (cada cinco minutos): 1-1, 5-3, 8-4, 11-5, 13-6, 16-7 (descanso), 19-10, 21-13, 27-17, 32-21, 36-24 e 39-28 (final).
Incidencias: Pavillón de La Albericia (Santander). Uns 200 espectadores.