Pasarón, descartado como subsede para o Mundial 2030
Por Diego Espiño
A comarca de Pontevedra queda fóra da candidatura de España para albergar, xunto a Portugal e Marrocos, o Campionato do Mundo de Fútbol 2030.
A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) confirmou este venres os estadios e subsedes que serán incluídos na candidatura de España á Copa do Mundo, que deberá agora validar a FIFA.
Neste sentido só una das sedes galegas propostas, o estadio coruñés de Riazor, pasou o corte dos once estadios propostos pola federación nacional, deixando fóra a opción de Balaídos, en Vigo.
Ademais a Real Federación Galega de Fútbol examinara varios estadios de toda a comunidade como posibles subsedes do evento, con instalacións que servirían de base de adestramento das seleccións participantes. Nesa relación estaba incluída Pontevedra co Estadio Municipal de Pasarón, así como os campos de Baltar (Portonovo), Burgáns (Cambados) e A Senra (Ribadumia), entre outras.
Con todo, a RFEF descartou finalmente todas as posibles subsedes galegas salvo dúas, ambas as dúas na zona de influencia de Vigo, coa Cidade Deportiva Afouteza e a Cidade Deportiva da Madroa.
Ademais das 45 subsedes escollidas, a lista de estadios propostos como sedes principais son: Anoeta (San Sebastián), Camp Nou (Barcelona), Gran Canaria (As Palmas), La Cartuja (Sevilla), La Rosaleda (Málaga), Metropolitano (Madrid), Romareda (Zaragoza), RCDE Stadium (Barcelona, Cornellá-El Prat), Riazor (A Coruña), San Mamés (Bilbao) e Santiago Bernabéu (Madrid).