Volei, fútbol, futvolei e tenis para un 'Verán Deportivo' na praia de Baltar
Por Redacción
A praia de Baltar en Portonovo será unha gran pista deportiva ata finais do mes de agosto coa iniciativa 'Verán Deportivo', presentada este mércores polo edil de Deportes, Marcos Guisasola, e o organizador do evento, Guillermo Janeiro.
Desde esta próxima fin de semana e ata o 25 de agosto centos de deportistas participarán en eventos e competicións de disciplinas como o volei, fútbol, futbvolei e tenis praia.
A actividade dará comezo este sábado de xullo co Campionato Galego de Volei Praia para as categorías tanto feminina como masculina federadas, mentres que o domingo será o momento para un torneo amateur e o 27 de xullo celebrarase un campionato de futvolei.
A programación continuará o mesmo día 27 cun torneo de futvolei en categoría kids (9-16 anos), e o 28 de xullo con outro de volei en idades infantil e cadete. Ademais tanto o 27 como 28 xogarase un campionato de fútbol sub-10 e sub-12.
O futvolei volverá ser protagonista o 3 de agosto, e o 24 e 25 de agosto celebrarase un torneo de tenis praia federado e amateur en categorías masculina e feminina.
Guisasola destacou o "bo ambiente" que achegan estes eventos, e é que "se trata de fomentar o deporte e hábitos de vida saudable fomentando a práctica do deporte nunha praia con perfectas condicións para facelo. Xa son máis de dez anos realizando aquí en Sanxenxo o Verán deportivo", afirmou na presentación Guillermo Janeiro.