Batería de fichaxes no Marín Futsal con Rapha Martins, Patri Corral e Marga dos Santos
Por Redacción
O Marín Futsal continúa coa planificación da nova tempada e esta semana confirmou a continuidade dunha das súas xogadoras máis importantes, a chegada de tres novas pezas e a despedida doutras tres.
Carolina Bravo, aterrada a pasada campaña ás filas do club, seguirá un ano máis vestindo a camiseta marinense para axudar ao equipo para conseguir os seus obxectivos na máxima categoría do fútbol sala feminino español.
Os seus números (11 goles en 29 encontros disputados) permitíronlle converterse nunha das principais armas ofensivas do equipo e ser convocada pola Selección Española Sub-21 para disputar o pasado mes de maio dous partidos contra o combinado nacional portugués.
Pola súa banda, para reforzarse, o Marín Futsal fichou a Marga dos Santos Carvalho, procedente do Gondomar Futsal portugués e actual subcampioa mundial universitaria coa Selección de Portugal; á galega Patri Corral, xogadora procedente do FSF Castro que destaca pola súa "rapidez, caneo e bo manexo de balón"; e á internacional brasileira Rapha Martins, que chega desde o Futsi Atlético Navalcarnero para achegar goles.
Pola contra, causan baixa María Estévez, Inés e Adriana, ás que o equipo agradece "o compromiso durante estas tempadas" e deséxalles sorte nos "novos proxectos".