Salvador Santos "Charri" ofrece a súa visión do deporte de Bueu na mostra 'Orgullosos do Noso'
Por Redacción
A Sala Amalia Domínguez Búa de Bueu abre as súas portas este venres 12 de xullo ás 20.30 horas para acoller a exposición "Orgullosos do Noso", de Salvador Santos, máis coñecido como "Charri".
A mostra permanecerá aberta ata o 25 de xullo.
Nesta exposición, Salvador Santos capturou a esencia dos deportistas de Bueu que están a destacar en diversas disciplinas como fútbol, taekwondo, natación, fútbol sala, hípica, tiro con arco, loita e remo, entre outras.
O proxecto, que levou máis dun ano, está enfocado especialmente nos deportistas máis novos da vila, visibilizando o talento deportivo e o futuro prometedor que Bueu ten para ofrecer.
Nado en Bueu no 1953, Salvador Santos creceu nunha familia mariñeira e pasou gran parte da súa vida no mar, traballando como mariñeiro en diferentes caladoiros arredor do mundo.
Despois da súa xubilación en 2007, dedicouse á fotografía como unha forma de explorar e compartir as historias e a vida da súa comunidade.
Santos é coñecido polas súas exposicións sobre a memoria mariñeira e as figuras esenciais de Bueu durante a pandemia.
A exposición "Orgullosos do Noso" é, segundo o Concello de Bueu, outra manifestación do compromiso de Salvador Santos coa súa terra, desta vez poñendo en valor o talento deportivo local.