De penalti no último minuto empata (1-1) o Arosa en As Somozas
Por Redacción
Un penalti cometido polo porteiro local, Abraham, sobre Quique Cubas, e transformado por Jesu no último minuto de partido, serviu ao Arosa para sumar un punto na súa visita ao campo do Somozas, volvendo converter os últimos minutos dos seus partidos nunha especie de ruleta rusa na que sempre hai emocións, unhas veces a favor e outras en contra.
O mal estado do terreo de xogo, convertido nunha auténtica piscina a consecuencia da chuvia, condicionou notablemente o xogo realizado por ambos os dous contendentes, que bastante tiñan con manterse en pé. Foi un partido foi moi disputado, con superioridade arosista na primeira parte, aínda que sen moitas ocasións.
Os de Piscis trataban de salvar as dificultades do campo con balóns directos en busca de Quique Cubas, aínda que non conseguiron crear moito perigo, como tampouco o fixo o Somozas, que apenas disparou a porta nunha falta de Baleato, desviada, e un remate de Stefan. O Arosa conseguiu marcar, pero o colexiado anulou o gol de Quique Cubas, ao estimar falta sobre o porteiro local.
Míchel fixo dous cambios no Somozas, dando entrada a Pablo Berros e Javi Rosa tras o descanso, que deron o dominio ao conxunto local, logrando adiantarse no marcador tras un centro de Javi Rosa que remata de cabeza de Stefan no primeiro pau.
O gol fixo dar un paso atrás ao Somozas, que intentou xogar á contra, e case lle sae ben, pois Luis Ángel tivo dúas ocasións para facer o segundo. A quenda sería logo para Álex Freire, que puido empatar, pero o seu remate sairía desviado. Ata que no último minuto chegaba o penalti de Abraham a Quique Cubas, que Jesu converte no gol do empate.
UD SOMOZAS (1): Abraham; José Manuel, Iago, Álex Bao, Dani (Javi Rosa, min. 46), Baleato, Edi, Luís Ángel, Álex Ares (Pablo Berros, min. 46), Rubén e Stefan (David Franch, min. 75).
AROSA SC (1): Jorge Pérez; Martín, Munín, Alfonso, José Ángel, Jesu, Rivas, Eloy (Rubén, min. 78), Pablo Pillado (Jony, min. 78), Álex Freire (Ramón, min. 65) e Quique Cubas.
Árbitro: David Novás Benavides (Vigo). Amoestou a Abraham, Iago e Stefan, polo Somozas e a Alfonso, Quique Cubas e Álex Freire, polo Arosa.
Goles: (1-0) Minuto 56: Stefan. (1-1) Minuto 89: Jesu, de penalti.
Incidencias: Campo de Pardiñas (Ás Somozas). Uns 200 espectadores.