O Club de Mar Bueu estréase na Liga ACT de traíñas cunha regata na casa
Por Redacción
A vila de Bueu cumpre esta tempada un soño colectivo. O Club do Mar Bueu Simei estréase na primeira división do remo e este domingo celébrase na vila unha das regatas da Liga Eusko Label - ACT, concretamente a segunda despois da que haberá este sábado na Coruña.
A regata arrancará ás 11:25 horas co campionato feminino e logo co masculino, que se estenderán ata as 14:00 horas, segundo a previsión da organización.
Nela agárdase a participación dos clubs da ACT, sendo o Club do Mar Bueu Simei, o Club de Remo Cabo de Cruz (Boiro) e SD Tirán Pereira (en feminino) os únicos galegos.
O percorrido iniciarase dende o peirao da vila e no campionato feminino sairán oito barcos dos clubs Donostia Arraun Lagunak, Orio Orialki, Nordintal Donostiarra, Tolosaldea Arraun Kluba, Hondarribia Bertako Igogailuak, Hibaika Jamones Ancin, CR Cabo da Cruz e SD Tirán Pereira.
O masculino contará con doce barcos: Bermeu Urdaibai, Zierbena Bahias de Biskaia, Orsa Hondarribia, Amenabar Donostiarra, Orio Orialki, CR Cabo da Cruz, Getaria, Lekitarra Elecnor, Kaiku Berez Galanta, Ondarrua Kide, San Pedro - Harri e Club do Mar Bueu Simei.
A saída no campionato virá da clasificación despois da regata do sábado na Coruña.
O concelleiro de Deportes, Ricardo Verde, destacou que para Bueu "é un pracer acoller este campionato porque refrenda a nosa aposta polos grandes eventos deportivos".