As promesas da natación galega xuntaranse en Rías do Sur para o campionato infantil
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
Case douscentos nadadores e nadadoras teñen unha cita esta próxima fin de semana, os días 29 e 30 de xuño, no complexo deportivo Rías do Sur. Será para participar no campionato galego infantil de natación, no que estarán as futuras promesas da natación nacional.
Esta proba, organizada polo Club Natación Galaico, será de acceso libre para o público.
Este torneo, segundo Alberto Castro, presidente do club organizador, "funcionará como un fin de festa tremendo" para o curso académico dos rapaces e das rapaces participantes, polo que agarda que "gocen da cita e das instalacións de Pontevedra".
O campionato, no que están rexistrados 176 participantes, celebrarase tanto o sábado como o domingo en sesión de mañá e tarde, comenzando desde as 10:30 e as 17:00 horas o sábado e media hora antes o domingo.
Juan Carlos Brión, presidente da Federación Galega de Natación, celebrou que este campionato galego se organice en Pontevedra porque "sabemos que é unha seguridade" tanto por organización como por instalacións. "Aquí sempre se fan moi bos campionatos", sentenciou.
Agardan que sexa unha proba "de moitísimo nivel", xa que moitos dos nadadores "levan traballando todo o ano para el", tratando de obter en Pontevedra a mínima para poder estar nos próximos campionatos nacionais.
A edil de Deportes, Anabel Gulías, subliñou que "estamos realmente contentas" de que as instalacións Rías do Sur siga a ser unha referencia "e continúe atraendo deporte e campionatos a Pontevedra".
Gulías destacou o movemento que se xera sempre en Ponte Muíños cando hai un campionato ou unha cita destas características, "enchendo de vida esta instalación", xa que recordou que o camiño que levou á súa reapertura "non foi doado e aínda queda por percorrer".