O Nacional de Remudas Mixto pecha unha fin de semana de tríatlon en Pontevedra
Por Redacción & Cristina Saiz
Pontevedra despediuse este domingo dunha fin de semana na que o tríatlon volveu ser protagonista coa disputa dos campionatos autonómicos de Galicia en distancia SuperSprint, o Campionato de España de Tríatlon por Relevos Mixtas e as probas non competitivas de Pho3nix Kids Triathlon Series by Javier Gómez Noya.
Na primeira das competicións o club gañador foi o Triatlón Inforhouse Santiago, seguido do Náutico de Narón, que foi segundo, e o Cidade de Lugo Fluvial, que foi terceiro.
O Tríatlon Rías Baixas logrou un meritorio décimotercer posto, mentres que o CD Pinarium e o Club Tríatlon Poio quedaron nas 16 e 18 posición, respectivamente.
No caso da Liga Nacional de Clubs de Tríatlon, concluíron na Boa Vila despois de sete xornadas coa vitoria do valenciano CEA Bétera no Campionato de España de Tríatlon por Relevos Mixtas, e a entrega dos títulos ligueiros ao Cidade de Lugo Fluvial feminino e o Universidad de Alicante masculino.
Na última xornada de liga o equipo gañador foi o CEA Bétera cun tempo total de 1:10:41. A segunda praza foi para Peñota Dental Alusigma, a once segundos, e a terceira conseguiuna o Cidade de Lugo Fluvial a 19 segundos.
Cos resultados da última xornada, o conxunto lucense feminino sumou un total de 367 puntos, o CEA Bétera foi segundo con 333 e o Náutico de Narón, terceiro con 329.
No caso dos equipos masculinos foi o Universidad de Alicante o que se impuxo con claridade, gañando cinco das sete xornada ligueiras. Impúxose cun total de 369 puntos fronte aos 337 do Cidade de Lugo Fluvial e os 332 do Peñota Dental Alusigma.