Lydia Pérez revalida o seu trono nacional
Por Diego Espiño
Lonxe de desanimarse por non ter logrado cumprir, polo momento, o seu soño olímpico, Lydia Pérez Touriño mira con ambición cara ao seu futuro.
A deportista pontevedresa foi unha das destacadas a fin de semana en Santiago de Compostela nos Campionatos de España de Loita, celebrados no complexo deportivo de Santa Isabel.
Alí a representante do Club Loita Pontevedra revalidou a súa coroa nacional na categoría de -62 quilos, na que demostrou unha vez máis que é a figura para seguir no territorio español.
A este ouro sumouse un segundo na modalidade de praia, neste caso na categoría de 70 quilos, asinando un dobrete co que recuperar as boas sensacións.
En Santiago de Compostela sumaron tamén medallas Nadiia Zholtikova cun ouro U17 en loita praia (-50 quilos) e Pablo García, prata tamén sobre a area (80 quilos).