Desbloquean as subvencións a clubs deportivos para 2023 e 2024
Por Natalia Puga
Tras o parón nas tramitacións administrativas dos últimos meses debido ao bloqueo de case tres meses no orzamento municipal, o Goberno local retoma xestións que ata o de agora non podía acometer. Unha delas é a tramitación das subvencións aos clubs deportivos do municipio para os anos 2023 e 2024.
Así, a Xunta de Goberno deste xoves iniciou o expediente de tramitación para estas subvencións con vistas á modificación de crédito que están a negociar co resto de grupos políticos municipais.
Neste caso, supoñerá incorporar a esa modificación de crédito 600.000 euros para dúas anualidades de subvencións, 300.000 euros en cada anualidade 2023 e 2024, para asociacións e clubs federados.
A tenente de alcalde de Pontevedra, Eva Vilaverde, indicou que este desbloqueo é posible porque os servizos municipais agora estean "traballando a toda máquina" e facendo un "gran esforzo administrativo" no que resulta fundamental a implicación do funcionariado para poder "retomar ou ritmo" da actividade municipal tras o parón dos orzamentos.
No caso destas subvencións, a tenente de alcalde destacou que "van benefician" a 8.000 deportistas de Pontevedra, pois os clubs do municipio contabilizan 7.898 fichas federativas, das que 5.250 son de menores.
CONVENIO CO PONTEVEDRA CF
No ámbito deportivo, a Xunta de Goberno local aprobou hoxe o convenio co Pontevedra Club de Fútbol para o cambio de céspede acometido no estadio municipal de Pasarón.
En virtude deste acordo, o Concello concede unha subvención de 75.000 euros ao club deportivo.
Eva Vilaverde anunciou este xoves que o convenio "xa quedou listo" e xa "está comunicado á presidenta do clube", Lupe Murillo.