A Pontevedra 4 Picos chega á súa novena edición convertida na proba "máis importante de BTT en Galicia"
Por Diego Espiño
Nove anos despois da súa estrea a Pontevedra 4 Picos volve a escena consolidada como "a proba máis importante de BTT en Galicia".
Así o asegurou este martes na presentación da proba o seu máximo responsable, Josevi Cimadevila, acompañado da edil de Deportes, Anabel Gulías, e do vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez.
O popular evento deportivo disputarase este próximo sábado 11 de maio con ata 1.200 ciclistas anotados, unha cifra destacada porque "hoxe en día coa dificultade que hai en inscritos en todas as probas, superar o milleiro de participantes é un éxito", defendeu Cimadevila.
A maioría deles están inscritos na modalidade longa, a dos 4 picos, con ascensións ao Lago de Castiñeiras, A Fracha, Monte Castrove e Monte Acibal, con 130 quilómetros de roteiro, mentres que 350 dos ciclistas optaron pola versión curta de 66 quilómetros e só dúas ascensións.
A saída darase en tres quendas (8.30, 8.45 e 9.00 horas) desde o Recinto Feiral, momento no que comezará unha xornada de puro deporte e que encherá a Boa Vila de ciclistas chegados principalmente desde diferentes puntos de España e Portugal.