Abonados á 'media inglesa' para achegarse ao ascenso
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
Eran outros tempos, cando as vitorias valían dous puntos e o empate uno, pero desde as illas británicas popularizaron unha fórmula para lograr o éxito no mundo do fútbol, a de facerse forte na casa gañando e resistir nos partidos como visitantes conseguindo polo menos o empate. É a bautizada como 'media inglesa'.
Esta particular fórmula do éxito é a que leva unhas semanas calcando o Pontevedra Club de Fútbol, que gañou os seus tres últimos partidos en Pasarón (Avilés, Marino e Covadonga) e empatado nos seus dous últimos desprazamentos aos campos do Rayo Cantabria e Arandina.
O seu principal rival polo primeiro posto, o Ourense CF, repetiu tamén estes números nas catro últimas xornadas, o que lle fixo empatar dúas veces á fronte da táboa cos granates e distanciarse a dous puntos unha semana despois ao non poder pasar do empate como visitante no seu caso fronte a Langreo e Guijuelo.
Desta forma, e a só catro datas para o final da liga, o Pontevedra volveu a ser líder en solitario con 63 puntos, polos 61 que ten o Ourense e os 58 do Zamora, uns números que de manter a 'media inglesa' valeríanlle para facerse co campionato e por tanto coa única praza de ascenso directo.
Se os de Yago Iglesias vencen nos dous partidos que restan en Pasarón (Ourense CF e Racing Villalbés) e suman polo menos un empate o vindeiro domingo no feudo do Compostela e na súa visita o RC Deportivo Fabril, ningún dos seus rivais poderían xa alcanzalos.
O Pontevedra iríase neste suposto aos 71 puntos, contando cun triunfo na casa fronte ao Ourense que faría que os da Cidade das Burgas puidesen como moito sumar 70 puntos facendo pleno no resto dos seus partidos. Da mesma forma, aínda que gañase o seu catro encontros, o Zamora só chegaría a eses mesmos 70 puntos.
Aos granates incluso lles valería con lograr só un punto fóra da casa, debido a que no caso de empatar na cabeza a 70 puntos terían o 'average' ou diferencial gañado co Zamora e tamén co Ourense (empate na ida e pendente da volta en Pasarón).
No que respecta ao calendario, o Pontevedra xogará por esta orde as últimas xornadas contra Compostela (Fóra), Ourense CF (Casa), RC Deportivo fabril (F) e Racing Villalbés (C); o Ourense farao ante Coruxo (C), Pontevedra (F), Oviedo Vetusta (C) e Avilés (F); e o Zamora enfrontarase a Valladolid Promesas (C), Marino de Luanco (F), Langreo (F) e Arandina (C).