Empate con polémica (1-1) do Arosa en Ordes
Por Redacción
Un posible penalti a favor non sinalado. Outro en contra cando menos discutible. Un gol anulado por fóra de xogo dubidoso. Razóns máis que suficientes para que o Arosa regrese enfadado de Ordes, a pesar do punto conquistado nos últimos compases dun partido disputado e marcado pola polémica actuación arbitral do colexiado vigués, Pablo Álvarez Calderón, moi protestado polos visitantes.
O certo é que o empate final non é bo para ningún dos dous equipos no seu intento de recortar distancias cos primeiros postos. O Arosa tivo máis o balón durante o primeiro tempo, pero as primeiras ocasións foron para o Ordes, que puido adiantarse por medio de Abelenda, que non consiguó bater a Jorge Pérez, nin tampouco conectar logo con Quintairos nunha acción ante o meta visitante.
Por parte do Arosa Quique Cubas mandou un remate ao lateral da rede, aínda que a xogada máis clara remataría no fondo da portaría local, pero o árbitro anulou o gol por fóra de xogo de Pablo Pillado, en decisión moi protestada polo banco arosista.
Tras o descanso chegaría unha nova xogada polémica, cando Nando se vai de Cabrejo, aproveitando un pase de Jesu e o lateral verde derrúbao na área, sen que o colexiado decretase un penalti que parecía claro.
Non obstante, poucos minutos máis tarde unha falta sobre a meta arosista dá na barreira defensiva e o árbitro decreta o máximo castigo por entender que o balón dera na man dun defensor. Capelo non perdoaría, adiantando ao Ordes.
Tocaba arriscar e Piscis fíxoo, deixando o equipo con defensa de tres para buscar a igualada. Saíulle ben, porque foi precisamente un dos homes de refresco, José Ángel, quen conseguiu o empate a falta de dous minutos, nun lanzamento de falta que dá na barreira, despistando ao meta local Mario.
SD ÿRDENES (1): Mario; Abelenda (Antonio, min. 70), Cea, David Rey, Cabrejo, Mariño, Quintairos (Rodri, min. 81), Javi Rey (Martín, min. 46), Capelo, Ángel e Álex Castro.
AROSA SC (1): Jorge Pérez; Juanjo (Ramón, min. 73), Álex Freire (José Ángel, min. 78), Alfonso, Rivas, Nando, Pablo Pillado, Quique Cubas, Jesu (Jonathan, min. 73) e Eloy.
Árbitro: Pablo Álvarez Calderón (Vigo), auxiliado nas bandas por Jorge Juan Fojo Rodríguez e Víctor Manuel Capón Álvarez. Amoestou Cabrejo e Ángel, polo equipo local, e aos visitantes Jorge Pérez, Alfonso, Rivas, Quique Cubas e Jonathan.
Goles: (1-0) Minuto 70: Capelo. (1-1) Minuto 88: José Ángel.
Incidencias: Campo Municipal de Vista Alegre (Ordes). Uns 250 espectadores.