Os erros e os postes castigan o Poio (3-4) ante o Roldán nun trepidante partido
Por Ramiro Espiño
Trepidante e cheo de alternativas. Así foi o partido entre o Poio FS e o Roldán FSF. As murcianas leváronse a vitoria nun choque que puido gañar calquera, pero que en xustiza debía rematar en repartición de puntos. A fortuna como aliada do cadro visitante, e a falta de acerto das "rojillas" que estrelaron ata tres remates na madeira, impediron ás de Marcio Santos obter polo menos un punto.
De poder a poder. Ida e volta constante, con oportunidades ante ambas as dúas portarías e alternativas no marcador, especialmente nunha primeira parte que non deu tregua. As murcianas fixeron valer a súa maior profundidade de banco, con ata cinco xogadoras de campo que participaron nas rotacións, para manter un fortísimo ritmo de xogo, ademais dunha grande intensidade na disputa, para levarse os puntos.
O Poio adiantábase no marcador no minuto 4, cando Mayte Mateo desviaba a propia porta un disparo de Peke. Dous minutos máis tarde Claudia puido aumentar a conta, pero Sonia responde cunha gran parada no man a man.
Do posible 2-0 pasábase ao empate, cando no minuto 8 Mirian aproveitaba un roubo de balón. Deseguido chegaría o primeiro disparo ao poste das locais, obra de Kiko e dous minutos máis tarde, Mayte Mateo adiantaba por primeira vez as visitantes cun forte disparo dende nove metros.
Pero aos trece minutos chegaba a expulsión de Sonia, por cortar coa man fóra da área un remate de Charo, e a mesma Charo aproveitaba a superioridade numérica, para lograr o empate nun remate de espora a pase de Ceci, despois de que Peke tivese estrelado outro balón no poste.
Repetiría a capitá local adiantado novamente ao Poio ao culminar unha gran xogada de Ceci. Pero antes do descanso, nunha nova contra, Mayte Mateo, de gran disparo cruzado a media altura, establecía de novo a igualdade no marcador.
A segunda parte foi máis nivelada aínda. Cos dous equipos como temerosos dos golpes do rival, os minutos foron pasando cun susto considerable para cada portaría. O primeiro deuno o cadro visitante, cun disparo de Pove ao poste, no minuto 25, respondido por outro remate á madeira de Peke, minuto 29.
Ata que chega a acción clave do partido, a falta de tres minutos para o final. Coas murcianas en cinco faltas, unha acción de Ceci remata en dobre penalti que lanza a mesma Ceci, raso, polo centro. Lydia rexeita e inicia unha contra que culmina cun mal rexeitamento de Silvia. O balón rebota en Inma Sojo, coa mala fortuna para as locais que remata no fondo da portaría, dando a vitoria ao cadro visitante.
POIO FS (3): Silvia; Charo, Claudia, Ceci, Peke -cinco inicial-, Elena, Yoly e Kiko. Non xogaron: Carmen, Paloma e Tania.
ROLDÁN FSF (4): Sonia; Claudia, Marta Pelegrín, Mayte Mateo, Alba -cinco inicial-, Lydia (p.s.), Pove, Cente, Mirian, Inma Sojo e Juani. Non xogaron: Pepa.
Árbitros: Yoel Castro Maqueira e Jesús Otero Baltasar (Pontevedra). Expulsaron con vermello directo a porteira murciana, Sonia (minuto 13). Amoestaron a Yoly no Poio, e a Claudia, Mayte Mateo e Inma Soja, no Roldán.
Goles: (1-0) Minuto 4: Mayte Mateo, en propia porta. (1-1) Minuto 9: Mirian. (1-2) Minuto 11: Maite Mateo. (2-2) Minuto 13: Charo. (3-2) Minuto 16: Charo.(3-3) Minuto 17: Mayte Mateo. (3-4) Minuto 37: Inma Sojo.
Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio): Cheo cuns 600 espectadores.