Asalto ao liderado
Por Ramiro Espiño
Primeiro asalto ao liderado para o Pontevedra. Coa mirada posta no que suceda no partido entre Barbadás e As Pontes, os granates buscarán fronte ao Laracha (domingo, 16:30 horas), en Pasarón, unha vitoria que lle permita alzarse ao primeiro posto da táboa, en caso de que os coruñeses non consigan vencer en terras ourensanas.
O partido, que será dirixido polo colexiado ourensano Breogán Martínez Vila, pode rexistrar unha boa entrada, animados os afeccionados polo excelente momento deportivo que atravesa o equipo, e polas medidas adoptadas polo consello de administración, que permitirá os socios sacar dúas entradas para acompañantes a metade de prezo, mentres que os menores de 15 anos terán libre acceso á bancada de fondo sur, coa simple presentación do seu documento de identidade.
Manu Fernández cumprirá unha volta á fronte do primeiro equipo granate, que precisamente tocara fondo no partido ante o Laracha, na primeira volta, provocando a dimisión de Nando e o mellor regalo que podería recibir serían tres novos puntos para situarse de líderes en solitario, ou polo menos seguir compartindo ese posto de privilexio co As Pontes, á espera do partido que enfrontará a ambos os dous a xornada seguinte.
Tubo volve resentirse dos seus problemas de xeonllo e é baixa
Pero o último adestramento realizado polos granates no sintético da Xunqueira II non trouxo precisamente boas noticias para o técnico, que viu como nunha acción sen aparente importancia entre Benja e Tubo, este volveu sentir molestias no xeonllo, tendo que retirarse do ensaio, e causará baixa ata que o médico do club lle examine para avaliar o alcance dunha lesión que, no peor dos casos, podería obrigalo a pasar polo quirófano.
Ademais de Tubo, Manu Fernández deixou fóra da lista a Miguel e Pedro Crespo, por decisión técnica, e Luismi, que segue recuperándose da súa lesión de xeonllo.
Deste modo, con respecto ao partido de Bertamiráns, Benja, que podería reaparecer despois de cumprirse toda unha volta ligueira no dique seco, entra por Tubo, e a David Feito, tras cumprir sanción, por Miguel.
Con estes cambios a lista de convocados está formada por: Edu, Paco, Caco, Adrián, David Feito, Pablo, Yago Vázquez, David García, Moreira, Pablo Lede, Fran Fandiño, David Pérez, Javi Otero, Benja, Kevin Levis e Pablo Carnero.
Con respecto ao rival, que adestra Manu Mosquera, chega a Pasarón no debut na categoría no seu peor momento da tempada, co cartel de ser o equipo menos realizador e sen conseguir vencer dende o 22 de decembro, se ben esa última vitoria foi nada máis e nada menos que ante o Cerceda.
Datos que non deben facer caer nun exceso de confianza aos locais, dado que a necesidade de puntuar do cadro coruñés lles dará un plus de motivación para intentar afastarse dos postos de perigo.
Relacionadas:
-
Tropezo inesperado do Pontevedra ante un efectivo Laracha (0-1)
Por Ramiro Espiño | Creada e actualizada