Máis de 300 taekwondistas cítanse no Municipal no Campionato de España Júnior
Por Diego Espiño
O Pavillón Municipal dos Deportes acolle este sábado o primeiro dos 12 "grandes eventos" anunciados polo Concello para 2014, co Campionato de España Júnior de Taekwondo.
Máis de 300 deportistas daranse cita nun evento que arrincará ás 8:00 horas da mañá para avanzar de xeito ininterrumpido ata media tarde.
Os responsables do evento avanzaron que o nivel de participación será importante ao "ser clasificatorio para el Mundial y también servir de preselección para el equipo que irá a los Juegos Olímpicos de la Juventud", segundo sinalou o presidente da Federación Española de Taekwondo, Jesús Castellanos.
Trátase do primeiro evento no que colaborarán o club Mace Sport, Concello de Pontevedra e Federación, pero o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, espera "que sexa o inicio dunha longa colaboración".
A intención, tal e como se anunciou meses atrás, é "que no futuro poidamos facer algunha proba internacional", mantivo o alcalde.
Neste sentido Castellanos recoñeceu que para 2015 preténdese que España acolla un Open Internacional de categoría G2, única competición deste nivel en Europa e que supoñería a presenza dos mellores especialistas do planeta, en busca da clasificación directa para Río 2016.
O mandatario federativo sinalou que o Open de España, actualmente de categoría G1, está concedido para o presente ano, pero "para la próxima edición estamos negociando", sen descartar a opción da cidade de Lérez.
Por ese motivo desde o Mace Sport o seu presidente, Miguel Cortegoso, mostrouse confiado de convencer aos mandatarios demostrando un bo nivel organizativo neste primeiro campionato.
A entrada para o Nacional Júnior fixouse en cinco euros, sendo de balde para os menores de 14 anos.