O Nacional Júnior de Taekwondo enche de cor o Municipal
Por Redacción & Diego Torrado
Os taekwondistas galegos lograron un total de nove medallas no Campionato de España Júnior celebrado en Pontevedra.
A cidade de Lérez pasou con nota o exame organizativo da Federación nunha xornada marcada polo grande ambiente nas bancadas do Pavillón Municipal dos Deportes.
"Muy contento" declarou estar o presidente do Mace Sport, Miguel Cortegoso, que se reafirma na súa intención de traballar para traer a Pontevedra competicións de nivel internacional nun futuro non moi afastado.
En canto a esta competición, na que participaron preto de 300 deportistas das diferentes comunidades autónomas, a Selección Galega colgouse a prata en categoría feminina e o bronce na absoluta.
No plano individual, das nove medallas tres foron de ouro, dous de prata e catro de bronce.
Sabela López (+68 kg), Laura Dosil (-59) e Ruth Tilve (-44) proclamáronse vencedoras nos seus respectivos pesos.
Pola súa banda as dúas pratas foron para Agustín Carou (78 kg) e Andrés Freijeiro (-59) e os bronces para Beatriz Parada (-49), Myriam García (-63), Ainhoa Ramos (-63) e Antía Pérez (+68).