Importante triunfo do TM Monte Porreiro fronte a L'Escala para recuperar o ritmo na Superdivisión
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Tenis de Mesa Monte Porreiro consolídase na cuarta posición da Superdivisión Masculina tras o importante triunfo conseguido este domingo no pavillón de Príncipe Felipe fronte a L'Escala (4-0).
Foi un encontro redondo que lle fai recuperar o ritmo á competición deixando atrás dúas xornadas sen gañar, coincidindo ademais co regreso dunha peza importante no equipo como é André Silva.
O portugués foi o encargado de dar o primeiro punto ao Visit Pontevedra gañando 3-0 a Keita Takahashi, mesmo resultado que conseguiu a continuación Miguel Ángel Vílchez contra o visitante Iker González.
De feito só Martín Betancor cedeu unha manga en todo o enfrontamento, pero tamén superou o seu envite contra Xavier Peral (3-1) para poñer momentaneamente o 3-0.
Faltaba a guinda e púxoa de novo André Silva cun incontestable triunfo ante Iker González que non daba opción a L'Escala.
Tras este triunfo o Monte Porreiro, cuarto con 19 puntos, visitará a próxima xornada ao complicado Arteal compostelán, segundo clasificado, para tentar confirmar a súa recuperación.