A SCD Salcedo presume da saúde da súa canteira
Por Diego Espiño
Fundada en 1947 a SCD Salcedo é unha das entidades deportivas de maior tradición na comarca, e ano tras ano seguen a pelexar para manter a boa saúde da súa canteira.
Fano a pesar das dificultades de non contar cun campo propio na súa parroquia, instalación coa que esperan contar a próxima tempada tras anos de espera. Con ela poñerase fin ao sobreesforzo que supón ter que repartirse entre varios campos, e é que este curso o Salcedo utiliza as instaciones de Santomé en Marín, de Figueirido en Vilaboa e tamén os campos de Príncipe Felipe e A Xunqueira en Pontevedra.
Nada frea con todo o club, que o pasado sábado 27 de xaneiro presentou os 14 equipos cos que compite esta tempada, e nos que están involucrados 260 xogadores e xogadoras.
A novidade este ano foi ademais a recuperación do seu equipo sénior feminino, así como o de categoría benxamín.
O Salcedo ademais pode presumir de contar con Escola Deportiva Municipal e de competir en fútbol sala, fútbol 8 e fútbol 11. Todo cunha saúde de ferro coa que promete aínda dar moita guerra no futuro.