David Alejandro, Iván Maceiras e Manuel Molinos volven con medalla do Campionato de España Promesa
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjK0UipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0inJL1CyrgUA_/52f78e0811abd-ivanmaceiras_y_davidalejandro.jpg)
© Sociedad Gimnástica
Magnífico resultado da Sociedad Gimnástica de Pontevedra no Campionato de España Promesa en pista cuberta celebrado esta fin de semana no Centro de Tecnificación Deportiva de Antequera (Málaga). Os tres atletas pontevedreses que participaron nesta proba regresan a casa con medalla. David Alejandro e Iván Maceiras proclamáronse subcampións de España, mentres que Manuel Molinos foi bronce.
A de Manuel Molinos en salto de altura foi precisamente a terceira das medallas logradas pola Sociedad Gimnástica nestes campionatos. Fíxose de rogar porque fixo tres nulos sobre 2.08 e tivo que esperar a ver que facían os outros catro atletas que sobrepasaran a altura anterior de 2.05. Só dous lograron saltar eses 2.08, polo que o pontevedrés, que saltara á primeira en 2.05, fíxose co terceiro posto.
David Alejandro, pola súa banda, proclamouse subcampión de España dos 60 metros lisos. Os seus 6.88 segundos na final déronlle unha medalla de prata que estivo moi disputada. Foi o mesmo tempo que marcou o terceiro clasificado, a tan só a dúas centésimas do ouro e a sete centésimas o cuarto.
Prata foi tamén Iván Maceiras na proba de salto de lonxitude. Logo dos tres primeiros saltos, con 6.90 no seu segundo intento, Iván conseguiu pasar o último ás decisivas tres roldas de mellora. Había que chegar aos 7.24 para colgarse a medalla e o pupilo de Santi Ferrer nun fantástico quinto intento, voou sobre o foxo de area ata os 7.38, conseguindo marca persoal e alcanzando a segunda praza.