Os rivais do Pontevedra móvense no mercado de inverno
Por Diego Espiño
O mercado invernal de fichaxes empeza a quentarse na Segunda RFEF, aínda que o fai de momento grazas aos rivais directos do Pontevedra Club de Fútbol.
A maioría dos equipos que ocupan a zona alta da táboa no Grupo I, fóra de Rayo Cantabria e o propio club granate, confirmaron xa movementos nos primeiros días do mes de xaneiro.
A posibilidade de fichar manterase aínda abertas ata o día 31, cun Pontevedra que segue a sopesar as súas opcións poñendo o seu obxectivo nos xogadores en idade sub-23, non só pensando no primeiro equipo senón tamén na súa filial de Terceira RFEF, ao ter ocupadas todas as súas fichas sénior e non ter intención inicialmente de dar saída a futbolistas destas características.
Por clasificación, no líder Ourense CF espéranse incorporacións nos próximos días, sobre todo tras a saída do dianteiro Antonio Salinas rumbo ao Yeclano, aínda que aínda non se pecharon fichaxes.
Un dos clubs que máis movementos protagonizou por agora é o terceiro en táboa, un Zamora que vén de empatar este mércores no campo do pechacancelas Arandina en partido aprazado da última xornada. O conxunto da Ruta da Prata anunciou xa as chegadas do centrocampista Nico Delmonte e o extremo zurdo Diego Aguirre. Ademais deu tres baixas, as de Javi Barrio, Theo Aguirre e Kun Temenuzhkov.
Tamén o Compostela, quinto e ocupando a última praza de paly-off, moveuse no mercado fichando o lateral zurdo Roger Escoruela para cubrir a baixa por lesión de Samu Araújo. Ademais subiu oficialmente ao primeiro equipo ao canteirán Hugo Matos e rescindiu a dous xogadores, Riki e Fer.
Sexto cos mesmos puntos que os santiagueses (27) e a seis do Pontevedra está un Guijuelo que incorporou o dianteiro Francisco Panadeiro 'Pana' e deu a baixa a Ibra Dieng, mentres que no Langreo (sétimo cos mesmos 27 puntos) só deu ata o de agora saídas coa marcha de Omar o Fquih, Moha Gourmat e Ángel Sánchez.
Por último o Coruxo (oitavo con 26 puntos) chegou a un acordo co extremo Álex Rey, que militaba actualmente no Rápido de Bouzas.