La Vuelta regresa en 2024 a Galicia pero 'esquécese' da comarca de Pontevedra
Por Diego Espiño
A 79ª edición de La Vuelta regresará tres anos despois a Galicia, pero non o fará á comarca de Pontevedra. Así se confirmou este martes na presentación oficial da carreira ciclista, que arrincará o 17 de agosto en Lisboa e concluirá o 8 de setembro en Madrid.
A comunidade galega contará en 2024 con catro etapas: Unha na provincia de Pontevedra, outra na da Coruña, a terceira en Ourense e a última en Lugo
No que respecta a a provincia pontevedresa, con todo, a xornada prevista para o martes 27 de agosto, centrarase no sur da mesma, con saída en Ponteareas e meta na localidade de Baiona.
Un día despois, o 28 de agosto, La Vuelta plantexa unha etapa con saída e meta en Padrón, mentres que o 29 de agosto a ruta será entre a cidade de Ourense e a estación de montaña de Manzaneda e o día 30 a saída darase dende Lugo para acabar nos Ancares.
Na última ocasión que La Vuelta pisou Galicia no ano 2021, a edición si tocou a comarca de Pontevedra ao contar cunha saída de etapa en Sanxenxo nunha xornada que conluyó no alto de Herville, en Mos.