Xurxo Rivas comanda unha sanadora vitoria do Teucro contra o BM Cañiza (39-28)
Bolsa de aire para a Sociedad Deportiva Teucro, que recupera impulso na Primeira Nacional co triunfo conseguido este sábado no Pavillón Municipal dos Deportes fronte ao BM Cañiza (39-28), resultado que corta unha serie negativa de tres derrotas consecutivas que lle custaron o liderado da competición.
A vitoria teucrista tivo un nome propio, o Xurxo Rivas, e é que o central con 12 goles comandou o ataque dos azuis secundado por Daniel Vicente Pintus (8).
O duelo comezou con certa igualdade ata o 3-3 rozando o minuto 5 de xogo, tempo no que os visitantes terían a súa única vantaxe no partido (1-2). A partir de aí, o vicedecano pisou o acelerador cun demoledor parcial de oito goles consecutivos para abrir unha brecha importante (11-3).
Ao chegar ao ecuador do primeiro acto a renda era xa de dez tantos (14-4) e ao descanso chegábase con case un monólogo que se reflectía nun tenteo de 23-11 que deixaba todo case decidido.
Tiña o Teucro antecedentes de desperdiciar vantaxes considerables, pero os 12 goles eran un mundo. Chegaron mesmo a ser 13, e aínda que o BM Cañiza maquillou lixeiramente o resultado ao final os puntos non perigaron para os pontevedreses, que necesitaban un partido así para recobrar a moral.
Consulta a acta do partido entre Teucro e BM Cañiza na web da Real Federación Española de Balonmán.
Partido entre Teucro e BM Cañiza no Pavillón Municipal
Xurxo Rivas, con 12 tantos, comandou este sábado un triunfo teucrista no Pavillón Municipal dos Deportes que pon fin a unha serie negativa de tres derrotas consecutivas
© Cristina Saiz